O Concello de Monforte entregou as Medallas e Insignias aos membros da Corporación Municipal

RibeiraSacraXa
O alcalde, José Tomé Roca, foi o encargado de colocar as medallas aos de concelleiros e concelleiras
entrega-medallas-moonforte
30 Jul 2025

O Salón de Plenos do Concello de Monforte acolleu este luns, coincidindo coa sesión plenaria ordinaria de xullo, o acto de entrega das Medallas e Insignias aos membros da Corporación Municipal. Trátase dun recoñecemento regulado polo recentemente aprobado Regulamento de Honras e Distincións do Concello.

Segundo recolle o regulamento, a imposición destas medallas debería realizarse no acto solemne de constitución da Corporación Municipal, momento no que aínda non estaba vixente a normativa. Por este motivo, celebrouse agora un acto específico para formalizar esta entrega.

A medalla do alcalde, elaborada en prata de lei con baño de ouro, foi imposta a José Tomé Roca, alcalde de Monforte de Lemos, pola secretaria accidental, Mª Luisa Quiroga Dapena. Posteriormente, o rexedor foi o encargado de colocar as medallas ao resto de concelleiros e concelleiras, seguindo o establecido no regulamento.

As medallas, que só poden ser levadas durante o período no que se ostente o cargo, poderán empregarse en actos institucionais ou oficiais. Ademais, os membros da Corporación recibiron tamén unha insignia, reprodución en miniatura do escudo do Concello, como símbolo complementario da súa condición.

⚙ Configurar cookies
0.1639838218689