O Concello de Monforte e o Club Lemos reforzan a colaboración

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, mantivo na tarde de onte, mércores 12 de xaneiro, unha xuntanza de traballo coa nova directiva do Club Lemos.
O novo presidente do club, Antonio López, elixido polos socios o pasado sábado 18 de xaneiro de 2025, acudiu á Casa do Concello xunto coa súa directiva para presentarse oficialmente ao alcalde monfortino. Durante a reunión, na que tamén participou a tenente de alcalde, Gloria Prada, os membros do novo equipo directivo expuxeron o seu proxecto tanto a curto como a longo prazo para a entidade deportiva, cuxo equipo masculino compite actualmente no grupo 1-norte da Preferente Galicia.
O alcalde manifestou o seu apoio ao club, que se materializa nunha axuda anual de 18.000 euros, e desexou á nova directiva e ao seu presidente os maiores éxitos tanto no ámbito deportivo como na xestión desta nova etapa á fronte do Club Lemos.
Ademais, destacou os investimentos realizados nos últimos anos no campo municipal de fútbol da Pinguela, onde o equipo disputa os seus partidos, cun total de 310.000 euros destinados á renovación do céspede, á instalación dunha nova iluminación interior e exterior tanto no campo como nas pistas de atletismo, á colocación dun videomarcador LED e á recente contratación da renovación dos parasois da grada.
Xunto ao presidente Antonio López, tamén asistiron á reunión o tesoureiro José Manuel Rodríguez, os vocais Diego Tomé, Miguel Ángel López, Óscar Moure e Jesús Javier Gómez, así como Juan Rodríguez, colaborador do club.