O Concello de Monforte e a Asociación Albores conmemoraron o Día Mundial da Saúde Mental

O Concello de Monforte sumouse este venres aos actos organizados pola Asociación Albores con motivo do Día Mundial da Saúde Mental, que este ano se celebra baixo o lema “Hoxe, mañá e sempre: a túa mente importa”.
A Praza de España acolleu unha concentración con diferentes actividades de sensibilización e concienciación social. Entre as 11:00 e as 13:00 horas, veciños e veciñas puideron coñecer de preto o traballo que desenvolve a asociación, centrado na recuperación integral das persoas con enfermidades mentais e na mellora da súa calidade de vida e a das súas familias.
Os concelleiros de Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, e de Consumo, Regina López, participaron no acto xunto con outros membros da Corporación municipal. Durante o evento, Purificación Díaz Ferreiro foi a encargada de ler o manifesto no que Albores reivindicou “unha maior atención á saúde mental no rural” e defendeu os dereitos das persoas afectadas.
A xornada incluíu tamén a elaboración dun mural colaborativo no que os asistentes puideron expresar pensamentos e emocións arredor da saúde mental. Ademais, repartíronse globos e lazos azuis como símbolo de apoio e instalouse un photocall para difundir nas redes sociais esta mensaxe de concienciación.
Con esta actividade, Albores quixo destacar “o poder de estar presentes: acompañar, escoitar e apoiar cada día”, facendo fincapé na necesidade de construír unha sociedade na que “a saúde mental sexa unha prioridade”.