O Concello de Monforte destinará 12.000 euros en axudas a clubs deportivos que participen en campionatos nacionais e internacionais

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que os clubs deportivos monfortinos xa poden solicitar as axudas pola súa participación en campionatos de España, de Europa e do mundo nas súas respectivas modalidades deportivas.
Esta liña de axudas, posta en marcha polo executivo de José Tomé no ano 2022, conta cunha dotación de 12.000 euros, “contribuíndo a que os clubs monfortinos poidan acudir a distintas competicións nacionais e internacionais, así como aqueles que xa participaran nalgunha destas competicións entre o 14 de outubro de 2024 e o 13 de outubro de 2025”.
“Somos conscientes do bo momento que atravesa o deporte monfortino, con varios clubs clasificados para participar en campionatos de España, de Europa e mesmo do mundo. Tamén somos conscientes do esforzo económico que isto supón para os clubs implicados. Por iso, desde o equipo de goberno mantemos desde 2022 esta liña de axudas dirixida a sufragar os gastos derivados da participación dos clubs de Monforte neses campionatos nacionais e internacionais”, subliñou o alcalde.
Trátase dunha liña de axudas que se concederá mediante o procedemento de concorrencia non competitiva aos clubs que cumpran co requisito de ter participado en campionatos de España, de Europa ou do mundo, sen necesidade de que as solicitudes se comparen entre si, dentro do período comprendido entre o 14 de outubro de 2024 e o 13 de outubro de 2025.
Deste xeito, este procedemento permite conceder aos clubs unha contía fixa en función dos campionatos nos que participen, mantendo o proceso aberto durante case todo o ano. As axudas están destinadas a cubrir os gastos derivados da participación nas competicións mencionadas.
“Esta convocatoria”, explica o alcalde, “ten como finalidade o fomento e a promoción do deporte monfortino no seu ámbito deportivo e competitivo, e para iso destinamos un crédito de 12.000 euros”.
As bases desta liña de axudas foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, polo que o prazo de presentación de solicitudes xa está aberto e rematará o 13 de outubro de 2025.
Contías establecidas
As contías establecidas son as seguintes:
Modalidades deportivas de equipo (fútbol, voleibol, baloncesto, etc.):
- Participación nun campionato de España: 1.000 euros
- Participación nun campionato de Europa organizado en España: 1.000 euros
- Participación nun campionato de Europa organizado fóra de España: 1.500 euros
- Participación nun campionato do mundo organizado en España: 1.000 euros
- Participación nun campionato do mundo organizado fóra de España: 2.000 euros
Modalidades deportivas individuais (natación, piragüismo, etc.):
- Participación nun campionato de España: 200 euros por deportista ata un máximo de 1.000 euros
- Participación nun campionato de Europa organizado en España: 200 euros por deportista ata un máximo de 1.000 euros
- Participación nun campionato de Europa organizado fóra de España: 300 euros por deportista ata un máximo de 1.500 euros
- Participación nun campionato do mundo organizado en España: 200 euros por deportista ata un máximo de 1.000 euros
- Participación nun campionato do mundo organizado fóra de España: 400 euros por deportista ata un máximo de 2.000 euros
As persoas interesadas poderán presentar ata tres solicitudes de subvención, sempre que sexan por participacións en campionatos de diferente ámbito xeográfico (España, Europa, mundial). No caso de que un club participe en varios campionatos do mesmo ámbito, só poderá presentar unha única solicitude.
Beneficiarios
Poderán solicitar as subvencións reguladas nesta convocatoria as asociacións e clubs deportivos legalmente constituídos, que estean inscritos no Rexistro Municipal de Asociacións Deportivas, teñan o seu domicilio social no Concello de Monforte de Lemos e cumpran, ademais dos requisitos establecidos no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de Subvencións de Galicia, os seguintes requisitos:
- Carecer de ánimo de lucro
- Non ter débedas co Concello por ningún tipo de obrigación de dereito público (isto será comprobado de oficio pola administración)
- Non ter débedas coa Facenda estatal ou autonómica e estar ao corrente das obrigas coa Seguridade Social
- Non estar incurso en prohibición para obter a condición de beneficiario de subvencións públicas
- Ter xustificado debidamente as subvencións municipais recibidas con anterioridade, nos termos establecidos nas correspondentes convocatorias
- Ter participado ou participar, entre o 14 de outubro de 2024 e o 13 de outubro de 2025, xa sexa o club ou deportistas que o integren e participen coas correspondentes seleccións galega ou nacional, nalgún campionato de España, de Europa ou do mundo da súa modalidade deportiva
O alcalde conclúe destacando a importancia destas novas axudas “nunha cidade na que contamos cunha canteira excepcional de deportistas que destacan en moitas disciplinas e que sitúan a Monforte nun lugar destacado dentro da elite deportiva galega, nacional e internacional”.