O Concello de Monforte destaca o aumento da actividade urbanística durante o pasado ano

RibeiraSacraXa
A Xunta de Goberno Local do Concello aprobou ao longo de 2025 un total de 609 licenzas, 69 máis que en 2024
via-vella-monforte
25 Jan 2026

O Concello de Monforte de Lemos pechou o ano 2025 cun notable incremento na concesión de licenzas de obra, unha evolución que o alcalde, José Tomé Roca, valora como “unha boa mostra do impulso da actividade económica na nosa cidade e, polo tanto, da creación de emprego”.

Segundo o balance anual dos servizos urbanísticos municipais, a Xunta de Goberno Local aprobou ao longo do pasado ano un total de 609 expedientes, entre licenzas de obra, comunicacións previas e informes, o que supón 69 máis que en 2024. Este aumento tradúcese nun crecemento global do 12,7% respecto ao exercicio anterior. Para o rexedor, este dato reflicte unha tendencia positiva que “supón un impulso na dinamización económica da cidade”.

O crecemento é especialmente significativo no ámbito da obra nova, onde se concederon 23 licenzas fronte ás 16 do ano anterior, o que representa un incremento do 43,75%. Delas, 20 corresponden a edificacións de nova planta e tres a naves de gran tamaño no polígono industrial ou vinculadas a explotacións gandeiras.

Onde o aumento resulta máis acusado é nas actuacións de rehabilitación integral, que rexistraron unha subida do 75%. En 2025 aprobáronse 14 expedientes deste tipo, fronte aos oito de 2024, a maioría localizados no centro histórico. Neste senso, José Tomé puxo en valor os programas municipais de axudas á rehabilitación, como os vinculados ao Plan Estatal de Vivenda 2018-2021, así como as distintas fases activas da Área de Rehabilitación Integral (ARI) do Conxunto Histórico e Zonas de Respecto, que suman un total de 88 actuacións.

O alcalde subliñou que “a aposta deste equipo de goberno pola recuperación e posta en valor do Conxunto Histórico de Monforte é firme”, destacando ademais o “impacto positivo” destas axudas na revalorización urbana e patrimonial da cidade.

No que respecta ás reformas, o número de licenzas e comunicacións previas mantívose practicamente estable, pasando de 302 a 303 expedientes. Si se rexistrou un crecemento destacado nas obras menores exteriores, como peches, accesos a parcelas ou invernadoiros, que aumentaron un 50%, ao pasar de 106 a 159 autorizacións. Pola súa banda, os informes urbanísticos tamén medraron lixeiramente, con 110 tramitados en 2025 fronte aos 108 do ano anterior.

⚙ Configurar cookies
0.26389694213867