O Concello de Monforte dá a coñecer o programa de verán
O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, deu a coñecer os detalles do Programa de Verán do Concello de Monforte, que nesta edición está composto por tres actividades deportivas: o campamento de verán, o XV campus de fútbol Cidade de Monforte – Real Club Celta de Vigo e os cursos de natación na piscina climatizada municipal.
“O noso obxectivo”, afirmou Tomé Roca, “é facilitar a conciliación das familias no período de vacacións escolares, e, sobre todo, para que os nenos e nenas de Monforte poidan disfrutar dunhas vacacións practicando as actividades que máis lles gustan”.
Neste senso, o Equipo de Goberno traballou no establecemento de protocolos de seguridade e hixiene fronte ó COVID-19, para garantir o desenvolvemento axeitado das actividades programadas.
Campamentos de Verán
Os Campamentos de Verán do Concello de Monforte desenvolveranse, por segundo ano consecutivo, nun período de tempo máis amplo do habitual, do 1 de xullo ao 13 de agosto.
Deste xeito, serán tres quincenas, cun total de 32 días de actividade. A distribución das 3 quendas será a seguinte: a primeira, do 1 ó 15 de xullo, a segunda do 16 ó 30 de xullo e a última do 2 ó 13 de agosto, sempre de luns a venres, non festivos, de 10 a 14 horas.
As 3 instalacións serán o Polideportivo municipal de A Pinguela, e os pavillóns deportivos do IES a Pinguela e dos Escolapios, a cuxos responsables o Concello agradece a súa disposición e colaboración para facer posible o desenvolvemento destas actividades.
En canto á distribución das prazas, se estableceranse un máximo de 8 grupos de traballo por quenda. O número de prazas de cada un dos grupos irá en función da situación sanitaria e das ordes dadas pola Consellería de Sanidade relativas ás actividades de ocio e tempo libre, e de actividades deportivas. En todo caso o número máximo de prazas por grupo será de 12. Das prazas ofertadas por quenda, resérvanse 4 prazas para persoas con discapacidade superior ó 33 %, sempre que as persoas que se inscriban non necesiten axuda individual de terceiras persoas para desenvolver as actividades, e 4 prazas que se poñen a disposición dos Servizos Sociais do Concello de Monforte.
As actividades ofertadas, como en pasadas edicións, combinarán accións multideportivas con obradoiros variados, e excursións diversas.
Nos campamentos poderán participar nenos e nenas de entre os 5 e os 12 anos de idade, que poderán realizar a preinscrición de xeito telemático a través da páxina web do Concello. Os interesados poderán preinscribirse a partir de hoxe xoves día 20 e ata o 31 de maio de 2021. No momento da preinscrición, as persoas interesadas poderán solicitar a participación entre 1, 2 ou 3 quendas e terán que asignarlle a orde de preferencia a cada unha delas.
Na asignación de prazas para a quenda preferente terán prioridade as persoas empadroadas no Concello de Monforte, así como persoas cuxos proxenitores estean ambos traballando e familias monoparentais. Para a asignación do resto de quendas terán prioridade unicamente as persoas empadroadas no Concello de Monforte.
O 2 de xuño o Concello procederá á publicación da lista de persoas preinscritas. No caso de que a demanda supere ó número de prazas ofertadas, levaremos a cabo un sorteo de prazas e o 7 de xuño darase a coñecer a lista de persoas admitidas así como a lista de espera.
O custe da actividade será de 51,75 euros por quincena para matrículas sen transporte e de 67,28 euros para aqueles nenos e nenas que necesiten transporte para achegarse ó seu campamento, xa que, ó igual que outros anos, o Concello segue ofertando o servicio de transporte en autobús para todos aqueles que o necesiten. As familias numerosas terán un 50% de desconto.
XV Campus de Fútbol Cidade De Monforte – R.C. Celta De Vigo.
A actividade deste Campus, que con esta suma xa 15 edicións, celebrarase na primeira semana do mes de agosto, entre os días 2 e 6.
Trátase dunha actividade dirixida a nenos e nenas de entre 7 e 14 anos que, de igual xeito que para o Campamento Deportivo, poderán realizar a súa preinscrición online, entre o 20 e o 31 de maio.
En canto ó número de prazas ofertadas, estableceranse un máximo de 6 grupos de traballo, e que o número de persoas por grupo irá en función da situación sanitaria e das ordes dadas pola Consellería de Sanidade relativas ás actividades de ocio e tempo libre, e de actividades deportivas. En todo caso o número máximo de prazas por grupo será de 12, sendo o número total de prazas ofertadas de 72, que son 18 máis que en 2020.
Á hora da adxudicación das prazas terán prioridade as persoas empadroadas en Monforte de Lemos, e do mesmo xeito que no Campamento Deportivo de verán, establecerase un protocolo específico de actuación para a prevención do COVID-19.
Cursos de natación na Piscina Climatizada Municipal
Outra das novidades este ano é a oferta de cursos de natación na Piscina Climatizada Municipal. Estes cursos están dirixidos tanto a nenos e nenas como a persoas adultas e terán lugar durante os meses de xullo, agosto e setembro, cunha duración mensual e un período lectivo de dous días á semana cada un dos cursos. Serán 3 cursos infantís e 6 destinados a adultos.
Os cursos de natación contarán cun total de 256 prazas: 104 no mes de xullo, 104 no mes de agosto, e 48 no mes de setembro. Neste último caso so para adultos, xa que os cursos infantís so se celebrarán mentres duren as vacacións de verán.
Para levar a cabo as inscricións nalgún dos cursos ofertados as persoas interesadas deberán acudir á Piscina Climatizada Municipal a partir do 16 de xuño, as persoas aboadas, e a partir do 21 de xuño as non aboadas.