O Concello de Monforte convoca tres concursos con motivo da XXII Feira Medieval

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, anunciou este luns a convocatoria de tres concursos independentes de decoración e traxes medievais, vinculados á celebración da XXII Feira Medieval, que terá lugar os días 4 e 5 de abril. Desde hoxe, 16 de marzo, e ata o 31 de marzo, os interesados poden inscribirse no Rexistro Xeral do Concello, consultando as bases e formularios na páxina web municipal ou nas propias instalacións do Concello. A contía total dos premios ascende a 3.200 euros.
Segundo explicou o alcalde, o obxectivo destes concursos “é animar aos monfortinos e as monfortinas, así como aos visitantes a implicarse na Feira Medieval e ser protagonistas activos da mesma”, destacando que “a colaboración da veciñanza é unha parte fundamental do éxito que acadamos con esta feira ano tras ano”.
O X Concurso de Decoración de Balcóns premiará aqueles balcóns que polo seu enxeño e deseño medieval merezan a consideración do xurado, fomentando así a participación e a ambientación da cidade durante a feira. Os balcóns deberán permanecer engalanados, como mínimo, do 2 ao 5 de abril, e serán valorados criterios como a imaxinación, a idea, a estética, a orixinalidade e os materiais empregados. Establécense tres premios de 200, 150 e 100 euros, ademais de ata tres accésits de 50 euros cada un. A decisión do xurado e a entrega de premios realizarase o domingo 5 de abril, ás 19.00 horas, na Praza de España.
O XI Concurso de Decoración de Establecementos Comerciais e Hostaleiros ten unha finalidade similar, centrada en recoñecer os establecementos coa mellor ambientación medieval. Como no concurso de balcóns, a decoración deberá estar instalada, como mínimo, entre os días 2 e 5 de abril, e a valoración terá en conta a imaxinación, a idea, a estética, a orixinalidade e os materiais utilizados. Os tres premios principais ascenden a 300, 200 e 100 euros, complementados con ata tres accésits de 50 euros cada un, entregándose tamén na Praza de España o domingo 5 de abril ás 19.00 horas.
O XIII Concurso de Traxes Medievais busca premiar os mellores traxes lucidos polos participantes, incentivando que monfortinos, monfortinas e visitantes contribúan á ambientación histórica da feira. A participación require inscrición oficial ata o 31 de marzo, e o certame establece unha contía total de 1.850 euros, distribuída en distintas modalidades tanto para adultos como para infantil, con premios para individuais, parellas e grupos. O xurado valorará a elaboración artesanal, a riqueza nos complementos, a posta en escena, o material utilizado, o rigor histórico e a permanencia durante os actos da feira.
Os participantes concentraranse na Praza de España o domingo 5 de abril ás 17.00 horas para a valoración do xurado, que poderá excluír elementos considerados perigosos. Ás 19.00 horas daranse a coñecer os gañadores, xunto cos dos concursos de decoración de balcóns e de establecementos comerciais e hostaleiros.