O Concello de Monforte continuará a próxima semana os traballos de reforma integral do Parque da Compañía

RibeiraSacraXa
As obras, cun investimento superior aos 223.00 euros, consisten na renovación completa dos firmes e das zonas verdes ao sur da explanada e obrigarán a pechar durante tres días o parque infantil
Parque-da-Compañía-Monforte
Parque da Compañía, Monforte
9 Oct 2025

As obras de reforma integral do Parque da Compañía, iniciadas en agosto, continuarán a vindeira semana e obrigarán ao peche temporal da zona infantil durante tres días, desde o luns 13 de outubro ás 8.00 horas ata o xoves 16 á mesma hora.

O proxecto abarca unha renovación completa dos firmes e das zonas verdes nunha superficie de 10.025 m² ao sur da explanada, no entorno dos Escolapios. O contrato adxudicouse en xuño á empresa Calfensa Proyectos S.L. por 223.832,94 euros e as obras, di o Concello, avanzan a bo ritmo.

Entre as actuacións previstas, destaca a substitución do firme do percorrido peonil e do carril bici na zona oeste, que se ampliará ata os 2 metros. O pavimento granular actual será substituído por formigón, máis seguro para ciclistas e cómodo para peóns. O proxecto inclúe a creación de novos paseos peonís con formigón, bancos de fundición, papeleiras de aceiro, fontes e mellora da iluminación con luminarias LED. Ademais, pintarase a sinalización viaria e símbolos no percorrido peonil e no carril bici.

Nas zonas verdes, renovaranse arbustos e algunhas árbores de pequeno porte, substituíndoas por céspede con rego automático. Tamén se nivelará o terreo, eliminando bordos que poden provocar caídas, e reconfigurarase a zona central con jabre compactado, recolocando o mobiliario urbano e os aparatos biosaudables.

A reforma, subliña o alcalde de Monforte, José Tomé Roca, supón a mellora dun espazo de referencia na cidade “tanto para os veciños e veciñas como para as persoas que nos visitan”, xa que este parque supón “un punto de encontro para os monfortinos e un lugar de esparellamento e lecer para persoas de todas as idades”.

Con esta actuación, sumada a outras como a construción dun novo parque infantil, unha pista de Skate, a mellora da pista polideportiva e a mellora da fonte cibernética da praza, o Concello leva investidos máis de 580.000 euros na mellora da Compañía.

⚙ Configurar cookies
0.071177959442139