O Concello de Monforte continúa avanzando na súa campaña “RecicLemos de xeito sostible”

RibeiraSacraXa
A iniciativa busca fomentar a compostaxe doméstica entre os fogares e as empresas monfortinas
compostaxe-monforte
15 Dec 2025

O Concello de Monforte de Lemos segue adiante coa campaña informativa “RecicLemos de xeito sostible”, que ten como obxectivo mellorar a xestión dos residuos orgánicos e promover a compostaxe doméstica no municipio. Deste xeito, o Equipo de Goberno reforza o seu compromiso co reciclaxe da materia orgánica, tendo en conta que case a metade do lixo que xeramos diariamente nos fogares corresponde a residuos orgánicos.

Para conseguilo, están a levarse a cabo diversas accións tanto na rúa como nos centros educativos, coa intención de chegar a toda a veciñanza e sensibilizar especialmente á xente nova sobre as vantaxes da compostaxe doméstica e o uso correcto do colector marrón.

O luns 15 de decembro instalouse unha carpa informativa na rúa Doutor Casares, preto do cruce coa rúa San Pedro, onde se repartiron cubos para separar a materia orgánica na casa e se recolleron solicitudes para composteiros domésticos. O Concello entrega gratuitamente estes composteiros ás persoas que dispoñen de hortas ou parcelas de polo menos 25 m² no termo municipal.

Cómpre lembrar que hai máis dun ano implantouse o colector marrón, exclusivo para restos orgánicos, e actualmente máis de 2.000 familias participan activamente no seu uso. Con esta nova campaña, o Concello fai un chamamento para que máis veciños e veciñas se sumen ao “voluntariado marrón”.

Para inscribirse, as persoas interesadas poden acudir ás carpas informativas que se instalarán próximamente en diferentes puntos do municipio, chamar ao teléfono 982 402 501, acudir ás oficinas municipais na Praza Campo de San Antón ou cubrir o formulario online dispoñible na web do Concello.

Ademais, o Concello fai un chamamento especial aos grandes xeradores de residuos orgánicos, como os establecementos de hostalaría e comercio, aos que se informará porta a porta sobre o servizo de recollida desta fracción.

No que respecta á compostaxe doméstica, na campaña anterior repartíronse 253 composteiros e nesta ocasión entregaranse 150 novas unidades a quen resida en vivendas illadas con parcelas ou hortas de polo menos 25 m². Para optar a un composteiro, os solicitantes deben estar censados en Monforte e comprometerse a usalo correctamente. Tras a entrega, realizaranse visitas de seguimento para garantir o bo uso e resolver posibles dúbidas.

Con estas medidas, o Concello de Monforte de Lemos reafirma a súa aposta por un modelo sostible de xestión de residuos, fomentando a participación cidadá e a protección do medio ambiente.

⚙ Configurar cookies
0.088879823684692