O Concello de Monforte concede axudas a 24 deportistas individuais

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou este mércores a concesión de axudas económicas a 24 deportistas da localidade que participaron na tempada 2024-2025 en probas nacionais e internacionais. A resolución, explicou, foi aprobada o pasado luns na Xunta de Goberno Local, e busca apoiar a deportistas individuais do municipio.
“Somos conscientes do esforzo económico que supón a práctica deportiva nas modalidades individuais, e por iso queremos apoiar aos nosos deportistas nunha cidade na que contamos cunha excepcional canteira en moitas disciplinas e que sitúa a Monforte nun lugar elevado dentro da elite deportiva galega”, destacou José Tomé.
Os 24 beneficiarios pertencen a seis disciplinas diferentes: natación, piragüismo, taekwondo, golf, atletismo e tiro olímpico. A valoración das solicitudes baseouse nos mellores resultados oficiais acadados polos deportistas, así como na súa convocatoria pola selección galega ou estatal.
Ademais destas bolsas individuais, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou axudas para clubs deportivos do municipio. O Club Taekwondo Neka recibirá 2.000 euros para cubrir gastos de desprazamento ao Campionato do Mundo de Taekwondo Técnica e Freestyle celebrado en Hong Kong (China), mentres que o Club Korbis recibirá 1.000 euros pola súa participación no Campionato de España de Voleibol Cadete Feminino celebrado en Zaragoza.
En resolucións anteriores tamén se concederon subvencións ao Club de Natación de Monforte (600 euros) polo Campionato de Natación Absoluto de Inverno, ao Club Taekwondo Neka (1.500 euros) polo Campionato de Europa de Taekwondo en Estonia e ao Club Quixós (600 euros) polo Campionato de España JJPP de Slalom e Kajak.
Estas axudas, cun orzamento total de 10.000 euros, poden alcanzar un máximo de 600 euros por beneficiario. Para acceder a elas, os deportistas teñen que cumprir varios requisitos, entre eles estar empadroados en Monforte, estar federados e ter participado como mínimo en tres competicións oficiais, incluíndo obrigatoriamente algún campionato de España, Europa ou do mundo na súa modalidade deportiva.