O Concello de Monforte concede 10.000 euros en axudas a deportistas individuais da tempada 2024-2025

RibeiraSacraXa
As achegas buscan recoñecer o esforzo e os méritos deportivos de veciños e veciñas de Monforte que participen en campionatos estatais, europeos ou mundiais nas súas respectivas disciplinas
Axuda Deporte
13 Oct 2025

O Concello de Monforte de Lemos destinará un total de 10.000 euros en bolsas para deportistas individuais durante a tempada 2024-2025, segundo informou o alcalde José Tomé Roca tras a aprobación das bases reguladoras na reunión da Xunta de Goberno deste luns, 13 de outubro.

Estas axudas buscan recoñecer o esforzo e os méritos deportivos de veciños e veciñas de Monforte que participen en campionatos estatais, europeos ou mundiais nas súas respectivas disciplinas. O rexedor salientou que estas bolsas son un apoio ao deporte “nunha cidade na que contamos cunha excepcional canteira de deportistas que destacan en moitas disciplinas e que sitúan a Monforte nun lugar elevado dentro da elite deportiva galega”.

O importe máximo que poderá recibir cada beneficiario será de 600 euros. As solicitudes poderán presentarse durante 10 días hábiles a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia (BOP), prevista para os vindeiros días.

As persoas interesadas deberán acreditar méritos deportivos obtidos entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025, e cumprir requisitos como estar empadroadas en Monforte desde o 1 de outubro de 2024, estar federadas en federacións galegas ou estatais, e ter participado, polo menos, en tres competicións oficiais, unha delas de ámbito estatal, europeo ou mundial.

Non poderán optar ás axudas quen non estea ao día nas obrigas coa Facenda estatal, autonómica, a Seguridade Social ou o propio Concello, nin quen se atope en situacións de incompatibilidade para recibir subvencións públicas. Na valoración das solicitudes teranse en conta os tres mellores resultados acadados en competicións oficiais, así como a posible convocatoria coa selección galega ou española.

Con esta iniciativa, o Concello reafirma o seu compromiso co deporte monfortino e co apoio ao talento local que representa a cidade en competicións de alto nivel.

⚙ Configurar cookies
0.078294992446899