O Concello de Monforte coloca unha represa desmontable da lagoa da Pinguela

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, vén de informar da colocación da represa desmontable da lagoa da Pinguela, situada no Parque de Cobas. Os traballos realizáronse o mércores 11 de xuño e forman parte das accións que o Concello leva a cabo cada primavera co obxectivo de garantir a continuidade lonxitudinal do curso natural do río Cabe, ao tempo que se favorece a recarga subterránea da lagoa. A presenza desta represa permite manter unha lámina de auga estable, semellante á que se consegue coa presa do Parque dos Condes.
Durante os meses de estiaxe, a lagoa da Pinguela resulta especialmente sensible ás variacións no caudal do río Cabe, o que dificulta a súa recarga a través do canal de entrada. A colocación da represa é, polo tanto, fundamental para conservar o ecosistema da lagoa. Unha vez iniciado o outono e co regreso das precipitacións, esta infraestrutura retírase para facilitar o paso natural da auga e minimizar posibles danos derivados das crecidas.
Esta actuación ten a súa orixe no ano 2016, cando a forza da auga destruiu a antiga represa da Pinguela. A partir dese momento, o Goberno municipal presidido por José Tomé iniciou os trámites necesarios para repoñer a presa, co propósito de recuperar a lámina de auga nesta contorna que estaba a ser acondicionada como parte do novo Parque de Cobas.
En xaneiro de 2022, o Alcalde presentou publicamente o proxecto de acondicionamento da lagoa e construción dun nova represa desmontable, nun acto no que estivo acompañado polo presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga. Esta intervención supuxo unha importante mellora para a zona, complementando o acondicionamento dunha ampla área de lecer duns 30.000 metros cadrados no Parque de Cobas. O investimento total foi de 612.000 euros, asumidos polo Concello.
O proxecto foi desenvolvido ao longo do ano 2022 e inaugurado en decembro dese mesmo ano. Incluíu tanto a retirada dos restos da antiga presa como a execución dunha nova estrutura desmontable que cumpre coa normativa europea, ao permitir a conexión ecolóxica e lonxitudinal do curso fluvial. Ademais, a intervención incorporou unha escala de peixes realizada en madeira, co fin de garantir a permeabilidade para a fauna piscícola e evitar que a represa supoña un obstáculo para a biodiversidade do río.
Con esta actuación, o Concello de Monforte reafirma o seu compromiso coa protección dos espazos naturais e co aproveitamento sostible dos seus recursos hídricos, consolidando o Parque de Cobas como unha referencia ambiental e de lecer para a cidade.