O Concello de Monforte colabora coa nova edición das Xornadas Lactouras, dedicadas á micolóxía

O Concello de Monforte colabora un ano máis coa Asociación Micolóxica Lactouros na organización das Xornadas Lactouras, que se celebrarán do xoves 23 ao sábado 25 de outubro cun completo programa de actividades que inclúe degustacións, charlas, saídas ao monte e accións educativas.
A tenente de alcalde, Gloria Prada, acompañada polo concelleiro e membro da asociación, Manuel Luaces, presentou o cartel das actividades, destacando “a importancia de poñer en valor o noso patrimonio natural e gastronómico a través dun evento que combina ciencia, tradición e participación cidadá”.
O programa arrinca o xoves 23 de outubro cunha exhibición gastronómica e degustación a cargo do cociñeiro Marcos López, que terá lugar na Gastrotasca da Rúa Rosalía de Castro, 24. O aforo está limitado a 25 persoas e é necesario inscribirse previamente no teléfono 671 473 982. O prezo é de 5 euros para socios e 10 euros para non socios, cunha opción de maridaxe por 5 euros adicionais.
O venres 24, as Xornadas continuarán cunha charla titulada “Fungos medicinais: tradición e saberes populares en Galicia”, impartida por María Cabaleiro, doutora en Bioloxía e especialista en Etnomicoloxía (Mycogalicia Plantae) da Universidade de Vigo. A conferencia celebrarase no Centro do Viño da Ribeira Sacra, con entrada libre e gratuíta.
O sábado 25 está prevista unha saída ao monte para a identificación de cogomelos, seguida dun xantar micolóxico no Restaurante Abadía San Simón, cun menú especial baseado en cogomelos de tempada. O punto de encontro será ás 10.00 horas nas Casitas da Compañía, e o xantar, ás 14.30 horas. É necesario inscribirse previamente no mesmo número de teléfono, cun prezo de 25 euros para socios e 35 euros para non socios. Durante a xornada, tamén se poderá visitar unha exposición de cogomelos, na que os membros da asociación clasificarán e amosarán as especies recollidas.
Ademais das actividades abertas ao público, Lactouros desenvolverá accións divulgativas en centros educativos de Monforte, tanto en colexios como en institutos de Secundaria. Estas actividades incluirán unha introdución ao mundo micolóxico e unha pequena saída ao monte guiada polo experto Carlos Pérez.
Desde a Asociación explican que o obxectivo é que “os máis cativos entendan o monte como unha fonte de saúde, coñecemento e benestar, e aprendan a valorar e respectar estes saberes tradicionais”. Lactouros tamén agradeceu o apoio do Concello, que “fai posible manter viva unha actividade fundamental para transmitir ás novas xeracións o amor pola natureza e pola cultura micolóxica”.