O Concello de Monforte anuncia unha nova convocatoria de axudas á creación de empresas

RibeiraSacraXa
A contía destinada para estas subvencións ascende a 30.000 euros, e o importe máximo de cada axuda será de 1.500 euros por beneficiario
jose-tome-balance-2025
28 Oct 2025

O Concello de Monforte de Lemos vén de anunciar a apertura dunha nova convocatoria para a concesión de axudas á creación de empresas dentro do Programa de Fomento da Iniciativa Empresarial posto en marcha polo consistorio, ao cal destinarase unha partida de 30.000 euros.

Con estas achegas, explica o alcalde, José Tomé Roca, o Concello pretende “colaborar dunha forma activa na xeración de emprego no noso municipio, apoiando e fomentando a posta en marcha de novos proxectos e iniciativas empresariais”.

As bases reguladoras da concesión destas subvencións foron aprobadas este pasado luns, 27 de outubro, na Xunta de Goberno Local e o prazo de presentación de solicitudes abrirase ao día seguinte á súa publicación no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, aínda pendente, e ata o 21 de novembro de 2025.

A convocatoria, explica o alcalde, enmárcase no programa “Promoción do emprego” impulsado polo Equipo de Goberno, e que “ten como obxectivo principal contribuír a fixar poboación en Monforte e propiciar un crecemento sostible, promovendo a creación de emprego estable e de calidade a nivel local, facilitando a incorporación ao mercado laboral das persoas en situación de desemprego”.

As achegas están destinadas aos autónomos e as pequenas e medianas empresas que teñan o seu enderezo fiscal e social en Monforte de Lemos e que comezaran a súa actividade entre o 1 de novembro de 2024 e o 31 de outubro de 2025. Para elo, entenderase como inicio de actividade a alta no IAE. Ademais, as empresas teñen que ser de nova creación, e as persoas promotoras estar en situación de desemprego na data de inicio da actividade empresarial e crear, polo menos, o seu propio posto de traballo.

Pola súa conta, as persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das axudas destas bases cando formen parte dunha comunidade de bens, Sociedades Civís, cando a súa incorporación á mesma como socio implique a súa alta no réxime especial de traballadores por conta propia ou constitúan unha Sociedade Mercantil.

O obxectivo das axudas será subvencionar parte dos gastos da posta en funcionamento da empresa durante os primeiros meses de actividade. Concretamente, os gastos realizados desde dous meses antes do inicio da actividade ata a data límite de presentación das solicitudes.

O importe máximo de cada axuda será de 1.500 euros por beneficiario, non podendo superar o 50% dos gastos efectuados durante o período indicado. Dende o Concello destacan que esta cantidade poderá incrementarse nun 25% no caso de que a persoa beneficiaria sexa muller ou unha persoa con discapacidade.

⚙ Configurar cookies
0.070484161376953