O Concello de Monforte anuncia a licitación das obras da Zona D entre rúa Cardenal e o Paseo do Río Cabe

O alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, anunciou este luns que o Concello abrirá o proceso de licitación das obras da denominada Zona D, tras aprobarse o proxecto construtivo o pasado 27 de maio. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 9 de xullo.
Acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, e polo concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, o rexedor explicou que esta actuación afecta a unha superficie de 3.274 metros cadrados, situada entre o paseo do río Cabe, as traseiras dos edificios da avenida de Galicia e da rúa Cardenal, así como parte do Parque dos Condes onde se atopa a pérgola. Dese total, 1.932 m² corresponden a solo privado e 1.342 m² a solo público.
José Tomé lembrou que o desenvolvemento urbanístico deste espazo xa fora previsto no ano 2000 mediante unha modificación das normas subsidiarias aprobada pola Corporación daquela época. “Legalmente corresponderíalle desenvolver ós propietarios, cousa que, 25 anos despois, non se produciu”, sinalou.
Ante esta inacción, o Goberno local decidiu tomar a iniciativa. “Diante desta situación e logo da experiencia positiva da Zona C, dende o equipo de Goberno decidimos tomar a iniciativa e propuxemos ó Pleno do Concello o cambio do Sistema de Compensación polo Sistema de Cooperación, onde a iniciativa xa lle corresponde ó Concello”, explicou Tomé.
Este cambio foi aprobado no Pleno o 29 de novembro de 2021, por 11 votos do grupo socialista e coas abstencións do PP, BNG e Esperta Monforte. Non se presentaron alegacións durante a exposición pública. O proxecto de reparcelación foi posteriormente aprobado na Xunta de Goberno do 17 de xullo de 2023 cun custo estimado entre 400.000 e 450.000 euros, financiados con fondos propios do Concello.
O alcalde detallou o reparto previsto unha vez rematada a urbanización: 541 m² destinaranse a zonas verdes, 1.550 m² a viais e 1.182,95 m² a superficie edificable, dos cales 1.126 m² poderán albergar baixos comerciais e 3.958 m² vivendas. As alturas permitidas serán de baixo máis tres pisos na zona próxima ao Banco de Bilbao e de baixo máis un no treito lindante co paseo do río Cabe.
Segundo destacou José Tomé, “o proxecto da Zona D vai permitir eliminar unha pequena bolsa de maleza, abrindo un novo vial que comunicará a rúa Cardenal co Paseo do Río e vai xerar novas parcelas edificables con baixo impacto, e tamén unha pequena zona verde, que mellorará e poñerá en valor esa zona que se proxecta cara o monumento da Nosa Señora da Antiga, máis coñecida como Escolapios”.
O rexedor tamén fixo referencia a unha reserva de terreo prevista xa na licenza do edificio do BBVA do ano 1969: “Establecíase a obriga de deixar unha franxa de 3,5 metros de ancha paralela ó muro de peche dos Escolapios que se debía prolongar ata o río Cabe, cousa que os promotores do edificio non cumpriron, dado que só se cumpriu para a entrada do garaxe”.
A previsión urbanística daquela época xa contemplaba a apertura dunha rúa de 7 metros de ancho, con achegas tanto dos Escolapios como dos promotores privados. “Coa modificación das normas subsidiarias do 2000, tal como figura no plano, prevese unha rúa de 12 metros que inclúe unha rotonda nas proximidades do río Cabe”, indicou.
En canto aos prazos, Tomé avanzou que “as obras teñen un prazo de execución de 8 meses, así que esperamos que en abril ou maio do próximo ano 2026, estarán rematadas”.
Por último, mostrouse convencido da boa acollida desta actuación: “Despois da excelente experiencia da Zona C, estamos convencidos de que na Zona D ocorrerá o mesmo, aínda que o seu ámbito é máis reducido, pero non menos importante debido á zona na que se atopa”.