O Concello de Monforte anuncia a creación dunha rede de catro áreas caninas na cidade

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou este luns a posta en marcha dun proxecto para dotar á cidade dunha rede de catro caniles situados nas zonas de Covas-Pinguela, Florida, Estación e Hospital. A iniciativa ten como finalidade que a veciñanza con cans dispoña dun espazo específico para as súas mascotas a menos dun quilómetro do seu domicilio.
O rexedor explicou que esta actuación responde ao incremento da poboación canina e á necesidade de habilitar espazos adecuados para o exercicio e socialización dos animais. Neste sentido, sinalou que a rede de caniles “convértese nunha necesidade” e que permitirá dar resposta “a unha realidade social que non se pode obviar”.
Tomé subliñou tamén os beneficios destas instalacións para o benestar animal, destacando que facilitarán a práctica de actividade física e evitarán problemas de saúde ou comportamento. “evitando así que se estresen, enfermen ou se desestabilicen emocionalmente, dado que un can non debe permanecer atado ou confinado durante moito tempo, porque necesita socializar con outros cans para evitar problemas de conducta”.

O proxecto estrutúrase como unha solución “progresiva e integral”, co obxectivo de cubrir toda a cidade. O primeiro dos caniles situarase no parque de Covas-Pinguela, nunha parcela municipal duns 1.300 metros cadrados, unha superficie que o alcalde destacou como “máis grande que a do canil da Milagrosa, en Lugo”. Os seguintes iranse executando a medida que se dispoña dos terreos necesarios.
As instalacións estarán equipadas cunha zona de exercicio con elementos como túnel, eslalon e balancín, ademais de áreas con céspede, xabre compactado e pavimento de loseta de granito. Tamén contarán cun espazo para o aseo das mascotas, con bañeira, mesa e fonte bebedeiro, así como mobiliario de descanso para as persoas usuarias, tanto cuberto como ao aire libre.
O Goberno local prevé licitar a redacción do proxecto cun orzamento de 150.000 euros, con cargo a remanentes que se aprobarán no pleno do 30 de marzo. O investimento total estimado para o conxunto da rede ascende a arredor de 600.000 euros.
“O meu compromiso é que este mesmo ano estea en obras a primeira instalación, e que cada ano sexa construída unha nova, de tal modo que, en 3 anos, teremos construídos e en servizo os 4 caniles nas 4 zonas da cidade”, afirmou o alcalde.
Segundo explicou, unha vez aprobados os fondos, iniciarase a contratación do proxecto e posteriormente licitaranse as obras, co obxectivo de que comecen ao longo de 2026 e que a primeira instalación poida estar en funcionamento entre finais deste ano e comezos de 2027.
Durante a presentación, na que estivo acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, e polo concelleiro de Medio Ambiente, José Luis Losada, o rexedor destacou que o medio ambiente e o benestar animal forman parte das prioridades do Goberno local. “A nosa cidade ten que seguir mellorando en todos os aspectos, e por iso estamos levando a cabo proxectos importantes para mellorar a vida da xente”, concluíu.