O Concello de Monforte súmanse ás concentracións contra a guerra en Oriente Medio

RibeiraSacraXa
A concentración formou parte das arredor de 150 mobilizacións convocadas este sábado en diferentes puntos do Estado baixo o lema “Debemos parar a guerra en Oriente Medio e Non esquezades Gaza”
monforte-cncentracion-guerra-riente-medio
15 Mar 2026

Representantes do equipo de goberno do Concello de Monforte participaron este sábado na concentración convocada na Praza de España contra a guerra en Oriente Medio, unha mobilización enmarcada nas protestas impulsadas en todo o país pola plataforma Parar la Guerra.

O acto contou coa presenza do alcalde, José Tomé Roca, acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada, e polos concelleiros José Luis Losada (Medio Ambiente, Obras, Medio Rural e Servizos), José Manuel Mougán (Deportes) e Regina López (Muller, Igualdade e Consumo).

A concentración celebrouse ás 12.00 horas e formou parte das arredor de 150 mobilizacións convocadas este sábado en diferentes puntos do Estado baixo o lema “Debemos parar a guerra en Oriente Medio e Non esquezades Gaza”.

Durante o acto de protesta, os participantes manifestaron o seu rexeitamento ao conflito bélico e deron lectura a un manifesto no que se condenan os ataques realizados por Estados Unidos e Israel contra Irán, que segundo o texto “supoñen unha violación do dereito e a legalidade internacional. Son unha grave ameaza para a paz na rexión e un perigo para a paz mundial”.

No documento tamén se expresa a condena ao réxime iraniano e ás vítimas do conflito. Así, o manifesto sinala que “condenamos con enerxía o réxime criminal dos aiatolás e o asasinato de miles de persoas nos últimos meses. Todo o noso apoio ao pobo iranio, en especial ás mulleres, na súa loita pola democracia e a igualdade. É o pobo iranio quen debe decidir o seu futuro”.

A plataforma Parar la Guerra foi creada en outubro de 2023 coa publicación dun manifesto no que denunciaba o xenocidio en Palestina. Na actualidade está integrada por unhas 130 organizacións, entre elas a Asociación Iraniana polos Dereitos Humanos, fundada en 2009 e centrada en diferentes causas, como a defensa dos dereitos das mulleres, a loita contra as execucións e a liberación de presos políticos.

Esta entidade tamén apoiou as protestas contra o réxime iraniano en 2018 e 2019, así como o movemento “Mulleres, Vida e Liberdade” xurdido en 2022 tras o asasinato de Jina Mahsa Amini.

0.11683797836304