O Concello de Monforte amosa o seu compromiso coa Asociación Española Contra o Cancro

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, xunto a Tenente alcalde, Gloria Prada e outros membros da corporación municipal, participaron este mércores no acto conmemorativo do Día Mundial contra o Cancro organizado pola Delegación de Monforte da Asociación Española contra o Cancro (AECC).
Durante a xornada instalouse unha mesa informativa na rúa Cardeal para informar sobre a campaña e facer difusión de todos os servizos que ofrece a AECC e, posteriormente, tivo lugar a lectura do manifesto a cargo dunha paciente oncolóxica. Ademais, pola noite, e como xesto simbólico, iluminouse de cor verde Torre da Homenaxe en recordo desta data.
O alcalde José Tomé reafirmou o compromiso “firme e constante” do seu Equipo de Goberno coa Asociación Española Contra o Cancro, salientando que este organismo “desenvolve unha importante labor de investigación e asesoramento en relación cunha enfermidade que, desgraciadamente, está moi estendida na nosa sociedade”. Neste sentido, lembrou que o Concello colabora estreitamente coa AECC a través da cesión de 3 locais para a delegación de Monforte, desde os que esta Asociación presta atención e asistencia a pacientes oncolóxicos e familiares, e tamén na organización da Carreira e Andaina contra o Cancro que se celebra todos os anos en setembro.
O cancro é, de feito, un dos problemas sociosanitarios máis importante a nivel nacional e mundial. En España, hai 2,2 millóns de persoas con algún tipo de cancro e cada ano diagnostícanse case 300.000 novos casos, unha tendencia que vai á alza, debido entre outros factores ao envellecemento da poboación e aos hábitos de vida menos saudables.