O Concello de Monforte abre o proceso de contratación dos servizos de telefonía e internet

RibeiraSacraXa
O Concello busca modernizar a rede de comunicacións municipal a través dun servizo moderno e integrado
jose-tome-concello-monforte
17 Mar 2026

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou este martes a apertura do proceso de contratación pública dos servizos de comunicacións do Concello, que inclúen telefonía fixa, móbil, datos e acceso a internet para a sede municipal e os seus centros dependentes. O contrato terá unha duración inicial de catro anos, con posibilidade de prórroga por un ano adicional, cun importe base de licitación de 60.379 euros anuais, o que supón un custe máximo estimado de 301.895 euros con IVE para os cinco anos. O prazo para presentar ofertas remata o 13 de abril de 2026.

O rexedor explicou que, “no actual contexto de avance das tecnoloxías de comunicación, faise necesario dispoñer dun servizo integrado que englobe as diferentes prestacións”. Trátase dun contrato de provisión de servizos baseado nunha rede multiservizo única de voz e datos, que os licitadores deberán deseñar e implantar garantindo os acordos de nivel de servizo necesarios tanto nas infraestruturas como nos propios servizos prestados sobre elas.

O obxectivo, destacou Tomé Roca, “é manter, potenciar e mellorar os sistemas de comunicacións, impulsando o despregue da administración electrónica e as relacións coa cidadanía tanto no Concello de Monforte como nos seus centros adscritos”.

O contrato permitirá modernizar a rede de comunicacións do Concello mediante a implementación dunha rede virtual corporativa de voz e datos que conectará as distintas sedes principais. A adxudicataria deberá proporcionar unha rede de datos privada baseada en tecnoloxía MPLS, con conexións seguras mediante fibra óptica, e mecanismos de redundancia para garantir a continuidade do servizo ante posibles incidencias, mantendo os niveis de calidade e seguridade adecuados.

0.11790418624878