O Concello de Monforte abre o prazo para solicitar as axudas para a celebración de festas de barrios e parroquias

O Concello de Monforte informa que xa foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Lugo as axudas para a celebración de festas de barrios e parroquias do municipio, tras a aprobación do Plan Estratéxico de Subvencións do Concello na Xunta de Goberno Local o 20 de xaneiro de 2025.
A convocatoria de subvencións publicouse o pasado venres 11 de xullo, polo que o prazo para presentar solicitudes está aberto e finalizará o 31 de outubro deste ano.
O alcalde, José Tomé Roca, destaca que en 2025 o equipo de goberno destinou 25.000 euros para apoiar as festas de barrios e parroquias, co obxectivo de manter vivas as tradicións locais.
En 2024, puxérase en marcha unha iniciativa pola que todas as entidades e asociacións solicitantes recibiron unha axuda fixa de 1.000 euros por anualidade, duplicando as axudas previas destinadas ás parroquias para as súas festas. Este incremento manterase este ano, polo que todas as parroquias que soliciten a subvención recibirán 1.000 euros para a organización das súas celebracións.
Entre os requisitos para acceder a estas axudas está contar coa autorización municipal para a celebración da festa, tal como establece a Lei de Espectáculos de Galicia.
Poderán solicitar estas subvencións todas as parroquias e barrios do Concello de Monforte de Lemos que organicen festas populares.