O Concello de Manzaneda e a Xunta avanzan nas necesidades do municipio

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, mantivo unha reunión este martes co alcalde de Manzaneda, Amable Fernández, que serviu para analizar as principais necesidades do municipio naqueles ámbitos que son competencia da Administración autonómica e para avaliar posibles vías de colaboración.
Manuel Pardo, trasladoulle ao rexedor “o compromiso da Xunta de traballar de forma conxunta no desenvolvemento de iniciativas co fin de garantir o benestar dos veciños e veciñas do municipio”.
Este encontro serviu como continuación ao mantido a pasada semana coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, onde se abordaron posibles vías de colaboración no eido das infraestruturas.
Entre as liñas abordadas en materia de planificación en dito encontro, púxose o foco na próxima posta en marcha do Plan Hurbe na vila. Este plan trata de articular unha estratexia de posta en valor das vilas, tanto as grandes como as pequenas, e dos núcleos rurais, que permita crear as condicións propicias para o seu desenvolvemento sostible, sen prexuízo de actuacións puntuais nas cidades, que se encadren nos obxectivos fixados neste plan.