O Concello de Manzaneda e a Xunta avalían a posibilidade de construír un depósito de abastecemento de auga no municipio

RibeiraSacraXa
Nun encontro entre o alcalde e a concelleira de Medio Ambiente tamén se trasladou a posibilidade de renovar as tubaxes da rede, así como desenvolver accións de restauración forestal e ambiental en Cabeza de Manzaneda
pedro-yañez-angeles-vazquez
16 Jan 2026

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o rexedor de Manzaneda, Pedro Yáñez, mantiveron este xoves un encontro na que abordaron vías de colaboración para o desenvolvemento de distintas actuacións de mellora das infraestruturas de saneamento e abastecemento de auga neste municipio ourensán, así como a posibilidade de realizar accións de restauración forestal e ambiental en espazos da Rede Natura 2000.

Concretamente, abordouse a pretensión do Goberno local de construír un depósito de abastecemento de auga co fin de aumentar a capacidade de subministración á veciñanza e poñer fin así a certos episodios de restricións de auga que se producen durante os meses de verán. O Concello trasladou ademais a súa intención de renovar un tramo de arredor de 300 metros lineais de tubaxe das redes de abastecemento e saneamento nun pequeno núcleo de poboación do municipio.

Dende o Concello tamén se trasladou a posibilidade de desenvolver accións de restauración forestal e ambiental en Cabeza de Manzaneda, nunha área pertencente á Rede Natura 2000. Neste sentido, a conselleira trasladoulle que proximamente vai saír publicada no Diario Oficial de Galicia a orde de achegas da Dirección Xeral de Patrimonio Natural que ten como obxectivo apoiar, entre outros, proxectos de conservación e protección de espazos da Rede Natura 2000.

Pola súa banda, a concelleira, que estivo acompañada polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, e pola directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, trasladoulle ao rexedor que o municipio tamén ten a posibilidade de recorrer ás distintas axudas que vai lanzar este ano o organismo de conca autonómico para apoiar ás entidades locais na mellora das súas infraestruturas de abastecemento, saneamento e depuración.

⚙ Configurar cookies
0.098068952560425