O concelleiro Diego Otero non descarta a instalación de cámaras para vixiar os roubos de plantas en Chantada
O Goberno local denuncia a falta de civismo na vila con respecto ao roubo de plantas nas zonas axardinadas, xa que o equipo de Parques e Xardíns do Concello de Chantada realizou actuacións para a humanización da rúa do Parque, colocando novas xadineiras con plantas de tempada.
"A instalación de novas plantas e arbustos nas xardineiras das rúas e prazas de Chantada sempre supuxo unha tentación para algunha persoa que remataba arrincando das xardineiras algunhas desas plantas", explica Diego Otero, concelleiro de Parques e Xardíns e Infraestrututras Urbanas.
Otero asegura que nesta semana "están faltando todos os días plantas e arbustos das xardineiras da rúa do Parque" e que "chegamos a un punto que pasa os límites, estas persoas fan un fraco favor á cidadanía, danan a imaxe de Chantada e perxudican aos veciños”.
Segundo Diego Otero, antes o roubo de plantas e arbustos era minoritario, “pero agora xa é un descaro e resulta indignante. Estes acontecementos repítense cada vez máis habitualmente e o Concello tomará medidas para darlle solución. Non descartamos a instalación de cámaras nas vías públicas para acabar con estas actitudes que atentan contra o traballo de todo o equipo de parques e xardíns e contra a imaxe de Chantada”.