O Colexio monfortino do Cardeal, declarado Ben de Interese Cultural

RibeiraSacraXa
O Consello da Xunta deu luz verde ao decreto polo que o colexio se declara BIC, con categoría de monumento e nivel de protección integral
colexio nosa señora de antiga monforte bic
26 Feb 2021

O Consello da Xunta deu luz verde este xoves ao decreto polo que se declara Ben de Interese Cultural (BIC), coa categoría de monumento e nivel de protección integral, o Colexio da Nosa Señora da Antiga -tamén coñecido como Colexio do Cardeal ou Colexio da Compañía-, un inmoble clave para comprender o desenvolvemento do Renacemento en Galicia e a historia de Monforte de Lemos.

O recoñecemento supón tamén un paso máis na protección e posta en valor dos bens da Ribeira Sacra, que encara a súa recta final para a candidatura a Patrimonio da Humanidade.

Con esta decisión, a Xunta reforza a súa aposta de conservación e a revalorización con este inmoble en que está investindo medio millón de euros. En concreto, inclúense melloras na iluminación da súa pinacoteca ou actuacións para resolver problemas na bóveda do presbiterio ou nas carpinterías, entre outras. Este investimento parte do traballo de posta en valor dos bens patrimoniais da Ribeira Sacra desde o inicio da candidatura, que colleu un forte impulso coa declaración como BIC de todo o territorio.

No recoñecemento do Colexio de Nosa Señora da Antiga como BIC, o expediente está avalado por un informe previo da Real Academia Galega de Belas Artes e outro do Consello da Cultura Galega. O expediente incorpora a ampliación da delimitación para incluír o Campo da Compañía, xa que este espazo estivera relacionado na súa orixe á propia construción do conxunto, e tamén a decisión de axustarse aos espazos inmediatos que rodean ao monumento na contorna de protección.

O decreto, á vista de todos os informes, xustifica a declaración no "papel fundamental" que representa o colexio de Nosa Señora da Antiga no desenvolvemento do Renacemento en Galicia, e por ser clave para comprender a historia da vila de Monforte e o papel que tivo a Casa de Lemos na configuración deste núcleo.

A declaración está xustificada tamén pola importancia do mecenado eclesiástico na España do século XVI e o proceso educativo impulsado polos xesuítas como arma da contrarreforma. Igualmente, é especialmente destacable que desde a súa fundación ata a actualidade, o colexio segue a cumprir a mesma función que cando foi fundado: a ensinanza.

A HISTORIA

A construción do Colexio de Nosa Señora da Antiga comezou a finais do século XVI por iniciativa do cardeal Rodrigo de Castro, persoeiro implicado na vida da corte de Felipe II, que tomou a decisión de crear unha institución filantrópica na cidade da súa infancia, en Monforte, e doarlle a súa colección de obras de arte e biblioteca.

En mans xa dos Escolapios, que se fixeron cargo do colegio no ano 1873, o edificio quedou rematado no primeiro cuarto do século XX, grazas en parte á venda dunha obra do pintor flamenco Hugo van der Goes ao Gobierno alemán por unha importante suma, que serviu para financiar os traballos desenvolvidos entre 1919 e 1930 baixo a supervisión da Casa de Alba.

A Fundación Colexio Nosa Señora de Antiga presentou en setembro de 2016 a solicitude para a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC).


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.22748112678528