O ‘Clowncertazo’ chega ao centro sociocultural de Bóveda
O circuíto de teatro afeccionado 2022 da área de cultura da Deputación de Lugo chega ao centro sociocultural do Concello de Bóvceda o vindeiro sábado 17 de decembro ás 19.00 horas.
Representarase a comedia, apta para todos os públicos, O Clowncertazo do grupo de teatro Falcatrueiros de Monterroso. A entrada será gratuíta.
O Grupo Falcatrueiros comezaron a súa andanza como grupo de teatro, dentro da Asociación do mesmo nome, en 1990 baixo a dirección de Mónica García, á que sucederon outros directores de renome na escena galega. Trátase dun grupo de teatro moi compacto, os seus compoñentes levan moito tempo traballando xuntos, quedando demostrada esa unión nas obras que interpretan, que xa son unhas cantas, como Gallaecia 13, Dereita – Esquerda, Historia de bar, O garaxe, Mortos de risa, A maría e as monxas, entre outras.
Clowncertazo é unha historia de sete músicos, ou sete clowns; sete que van dar o concerto da súa vida, un concerto moi importante, ante un público esixente que non quita ollo ante tal espectáculo, e todo ten que saír á perfección. Quizais non sexa tan sinxelo preparar un concerto, quizais se poida complicar, quizais empecen a xurdir problemas…