O Ciclo Mestre Mateo regresa a Taboada o 6 de xullo

O Concello de Taboada acollerá por segundo ano consecutivo o ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa promovida pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A proposta achegará ao municipio unha selección de filmes e documentais galegos premiados ou finalistas dos Premios Mestre Mateo, a principal referencia do audiovisual en Galicia.
O ciclo desenvolverase ao longo de cinco meses, entre xuño e novembro, aínda que a primeira sesión se atrasa ao domingo 6 de xullo, debido a problemas organizativos alleos ao Concello, en lugar do 29 de xuño como estaba previsto inicialmente.
En total serán dez sesións, que incluirán tanto longametraxes como curtametraxes de distintos xéneros. Tras a primeira proxección do 6 de xullo, a programación continuará o 26 de xullo cunha sesión de curtas, e o 27 coas curtametraxes de animación. O 2 de agosto será a quenda do filme Salvaxe e o 6 de agosto poderá verse +Cuñados.
En setembro proxectarase Xustiza artificial o día 13. En outubro, Prefiro condenarme chegará o día 11, e Fimei paxaros voando o 25. O ciclo pecharase en novembro con As Neves o día 8 e Aurora o 15.
A iniciativa busca achegar o mellor do audiovisual galego á veciñanza e fomentar o consumo de cinema feito en Galicia.