O Ciclo Mestre Mateo levará á Pobra do Brollón un total de dez proxeccións entre xullo e outubro

RibeiraSacraXa
A primeira terá lugar este domingo 20 de xullo co documental ‘Prefiro condenarme’
carte-prefiero-condenarme-mestre-matteo
16 Jul 2025

A Pobra do Brollón volve acoller unha nova edición do Ciclo Mestre Mateo, unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual que conta co apoio da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello.

Este ciclo, que chega á súa cuarta edición no municipio, busca achegar o cinema galego a vilas sen salas comerciais. Como novidade, este ano parte da programación desenvolverase nos locais sociais das parroquias, co obxectivo de descentralizar as sesións.

En total, programaranse dez proxeccións entre xullo e outubro. A primeira terá lugar este domingo 20 de xullo co documental ‘Prefiro condenarme’, dirixido por Margarita Ledo, no local social de Piño. O filme conta a historia de Sagrario, unha mariscadora da ría de Ferrol que, nos anos setenta, foi xulgada por adúltera.

Entre os títulos previstos figuran outros documentais como ‘Salvaxe, salvaxe’ (6 de setembro, Parada dos Montes), ‘Filmei paxaros voando’ (12 de setembro, A Pobra do Brollón) e ‘Aurora’ (18 de outubro, A Estación).

Tamén se proxectarán longametraxes de ficción: ‘As Neves’ (3 de agosto, A Ferreirúa), ‘+Cuñados’ (31 de agosto, A Pobra do Brollón), ‘Xustiza artificial’ (20 de setembro, Fornelas) e ‘Honeymoon’ (10 de outubro, Abrence).

O programa complétase con dúas sesións de curtametraxes, previstas para o 23 de xullo na Pobra do Brollón e o 9 de agosto en Canedo.

Todas as proxeccións celebraranse ás 20:30 horas. O Concello irá publicando os detalles de cada sesión na súa páxina web e redes sociais.

⚙ Configurar cookies
0.15275597572327