O Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas de Quiroga: 17 anos poñendo en valor a tradición gaiteira

RibeiraSacraXa
Doce bandas e arredor de 300 músicos daranse cita este sábado na vila quiroguesa para celebrar un evento que este ano rende homenaxe a Xosé María Alfonso García Castro “Muino” e Xan de Vilar
Asociación-de-Bandas-de-Gaitas-Quiroga
3 Apr 2026

Como cada ano durante as celebracións da Feira do Viño, a vila de Quiroga acollerá unha das citas tradicionais máis representativas e agardadas do ano coa que se busca poñer en valor a tradición gaiteira de Galicia. Trátase do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, que este ano cumpre 17 edicións e que estará dedicado a dúas grandes figuras do mundo da gaita: Xosé María Alfonso García Castro “Muino” e Xan de Vilar, nome artístico de Juan Sánchez Rodríguez.

A decisión de desenvolver o certame baixo o nome de ‘Memorial Muino’, explica o seu director, Xosé Lois Foxo, vén dada pola importante achega que Xosé María Alfonso García Castro fixo ao mundo da gaita dende o punto de vista da investigación científica. Muino foi un dos grandes construtores de pallóns de lámina metálica. Neste sentido, salienta Foxo, “fixo unha achega extraordinaria ao mundo das gaitas co desenvolvemento dese pallón metálico. Dedicouse 40 anos á fabricación destes elementos, e facía cada ano unha media de 5.000”. “Foi unha persoa moi significativa, por iso queremos homenaxear o seu legado”, sinala Foxo.

Respecto a Juan Sánchez Rodríguez, coñecido como Xan de Vilar, trátase dunha das persoas máis emblemáticas da serra do Courel, promotor da cultura e da etnografía da zona. Por iso, este ano, durante o certame, recibirá un recoñecemento á súa traxectoria. Nado na aldea de Vilar, durante anos chegou a ser o seu único habitante. Nese lugar, creou o seu propio museo, o Museo Etnográfico de Vilar, que foi devastado polo gran incendio que no ano 2022 destruíu gran parte do patrimonio natural do Courel.

Xan de Vilar foi, e aínda é, un informante de primeiro orde dos cancioneiros de músicas do Courel, explica Foxo. “Tocaba a gaita, o clarinete e tamén o corno celta, que se usaba como unha especie de chamada ao pobo”. Con este instrumento tradicional, que xunto a Manuel de Outeiro recupera cada ano no Filandón de Músicas do Courel, chamábase á veciñanza a reunirse. Pero ademais, sinala o director do certame, é unha das figuras que máis contribuíu á recuperación e conservación dos cancioneiros da zona. Hoxe, grazas á súa labor, xunto a Foxo, teñen reunidas arredor de 1.500 melodías en cinco tomos de incalculable valor patrimonial e cultural.

“Esa posta en valor das músicas do Courel, dos informantes e da tradición parecíanos algo fundamental. E Xan de Vilar é un dos últimos informantes do Courel vivos, polo que queremos facerlle unha homenaxe”, afirma Foxo.

Para Foxo, natural de Romeor (Folgoso do Courel), a recuperación e a divulgación da música tradicional da zona é imprescindible. Por iso, ademais de organizar o Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, leva a cabo unha importante labor de investigación que o converteu nunha das figuras máis relevantes en canto á difusión e preservación da música tradicional. Grazas á súa iniciativa, ao longo das montañas do Courel érguense estatuas que homenaxean a distintos músicos da zona, como é o caso do monumento a Os Padernes, membros da antiga orquestra popular que pode verse no municipio homónimo desde o ano 2014. Promoveu, ademais, monumentos en homenaxe a María Balboa Santín e Ilda Álvarez Macía, raíñas do filandón, título que hoxe ostenta Angelita Aira Crespo. “O que buscaba era dignificar aos músicos con monumentos”, explica Foxo.

O Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, sinala o seu director, funciona como unha escola. Nel, un xurado composto por catro persoas analiza e puntúa distintos aspectos das bandas participantes. Nesta edición participarán 12 bandas e máis de 300 músicos, converténdoo nun auténtico espectáculo para quen se achegue. “Animo á xente a que se achegue á praza de España porque é un espectáculo precioso”, di Foxo, que agradece ademais a implicación do alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, co certame. “É un auténtico apaixonado do evento, sempre estivo relacionado co mundo da gaita. Ademais, que se poida facer durante a Feira do Viño é moi representativo, porque este evento move moita xente”. En canto á organización, Foxo recoñece a dificultade que teñen os concellos pequenos para organizar eventos como este, polo que agradece tamén a implicación da Xunta de Galicia para poder levalo a cabo.

DOCE BANDAS E ARREDOR DE 300 MÚSICOS

O Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas de Quiroga reunirá nesta edición a un total de doce agrupacións procedentes de distintas provincias galegas. Ourense achegará a maior representación, con sete bandas, mentres que A Coruña contará con dúas. Pola súa banda, a provincia de Lugo estará presente coas formacións de Monterroso, Chantada e Toxo Queimado.

A xornada comezará ás 11:30 horas do sábado co desfile das bandas participantes pola rúa Real, dende a Casa da Cultura ata a Praza de España, onde terá lugar o campionato de Bandas, ás 12:00 horas. O certame estará presentado por Montse Estévez, e poderase seguir a través do canle de streaming do propio Xosé Lois Foxo.

O campionato abrirase coas bandas de 4º grao, onde están incluídas as Bandas de Gaitas dos Concellos de Castrelo de Miño, Preparatorio e Concello do Bolo, a Banda de Gaitas do Concello de Riós e a Banda da Escola Municipal de Música de Trasmiras, todas elas procedentes da provincia de Ourense. No segundo grao concursan as bandas do Concello de Esgos, a Escola Municipal de Gaitas de Xinzo de Limia e a Banda de Gaitas de Monterroso, e no terceiro estarán a Banda de Gaitas Toxo Queimado de Baleira, a Banda de Gaitas de San Pantaleón das Viñas -Ferrol e Ladies Band (Ourense). Finalmente, no apartado de bandas de gaitas de primeiro grao participan a Banda de Gaitas de Chantada, a Banda de Gaitas Agarimo de Catabois -Ferrol- e a Banda de Gaitas Real Xuvenil da Deputación de Ourense.

A de Quiroga será a primeira fase do certame, que terá unha segunda aínda por definir e que rematará o 26 de xullo en Manzaneda.

0.1195330619812