O Centro Dramático Galego e Ítaca Teatro presentarán en Quiroga a súa obra ‘Profetas’

RibeiraSacraXa
Será o luns, 26 de maio, ás 12.45 horas no Auditorio Municipal
cartel-profetas-quiroga-portada
20 May 2025

O Auditorio Municipal acolle a obra ‘Profetas’, unha coprodución do Centro Dramático Galego e Ítaca Teatro aberta a todo o público, pero especialmente pensada para alumnado de 4º de ESO e Bacharelato do IES de Quiroga. A obra poderase ver con entrada libre e de balde o luns 26 de maio ás 12.45 horas no Auditorio Municipal.

O evento está promovido polas Áreas de Dinamización Lingüística e Educación, Infancia e Igualdade do Concello de Quiroga e conta co patrocinio da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

A obra inclúe unha guía didáctica que servirá para que o alumnado do centro educativo poida realizar actividades que contribúan a unha mellor compresión e aproveitamento didáctico da mesma.

Elea López e Carlos Rebolo, fundadores da compañía luguesa Ítaca Teatro, son os protagonistas de Profetas, un espectáculo dirixido por Carlos Álvarez-Ossorio que leva a escena a peza pola que o dramaturgo Ernesto Is obtivo o XVI Premio Abrente de textos teatrais da MIT Ribadavia en 2021. Para a súa montaxe contaron tamén coa colaboración da MIT, ademais do Concello de Lugo e das Deputacións de Lugo e A Coruña.

A obra presenta a El e a Ela, unha parella que, despois de romper a súa relación, volven atoparse para recordar ao longo dunha noite os vellos tempos. Neste encontro lembran os soños, os medos, os éxitos e os fracasos que compartiron, facendo balance da súa historia en común a través doutras historias do cinema e da literatura. Cuestións como o compromiso político e artístico, o amor e a creación están presentes nunha peza que funciona como un xogo de agochados, de abismos e de saltos entre realidade e ficción.

A montaxe mestura diferentes linguaxes escénicas e afonda no carácter híbrido do texto, combinando o traballo da interpretación co vídeo en directo, a utilización de máscaras e mais o movemento.

⚙ Configurar cookies
0.16111898422241