O BNG denuncia que o Hospital de Monforte é o único de Galicia que non conta cun médico para servizo de Hospitalización a Domicilio

O deputado do BNG Iago Suárez denunciou na Comsión 5ª que “o PP segue a incumprir a lei” ao non dotar de médico específico o servizo de Hospitalización a Domicilio (HADO) no Hospital de Monforte de Lemos, que continúa a ser o único en Galicia que non conta con esa praza específica.
Malia que o Decreto 34/2021 fixo posible a creación e regulamento desta esta categoría profesional, a realidade é que en Monforte a xestión da HADO segue recaendo no servizo de Medicina Interna, sen contar cunha praza médica propia. “O servizo ten que chegar ao 100% da poboación e ten que cumprirse, e vostedes están incumprindo a lei”, recriminou.
“O primeiro é recoñecer que hai un problema, e se o servizo está chegando é grazas aos profesionais que están facendo posible que siga funcionando”, dixo agradecendo o inmenso labor que están facendo estes facultativos “deixándose a pel” a pesar de que non son médicos específicos de HADO, e que polo tanto, o servizo estase a dar “precariamente” porque “non dan máis”, ao ser poucos e ter que compatibilizar co seu traballo en planta, subliñou Suárez. “En Chantada, en Carballedo ou en Taboada non hai posibilidade de hospitalización a domicilio, directamente non chega, pero moitas veces nin nas propias parroquias de Monforte chega”, apuntou.
Non é a primeira vez que este centro sanitario é motivo de debate no Parlamento e é que, tal e como ironizou o deputado nacionalista, “probablemente estea pugnando co do Barco para ver cal dos dous está en peor estado”, mencionando no caso do de Monforte as carencias que xa foron obxecto de iniciativas do BNG en áreas como a de cirurxía, dixestivo, psiquiatría, rehabilitación, ou radioloxía. O caso máis recente foi a falta de mamógrafo, que foi reposto tralo acordo unánime no Parlamento a inciativa do BNG, e que o conselleiro de Sanidade “considerou que debía inaugurar”.
“O señor Caamaño inaugurando un mamógrafo, como se non fose un servizo esencial que levaba estragado meses. Como terán que estar as cousas na Xunta para que teña que vir o conselleiro inaugurar un mamógrafo a Monforte”, lamentou.
Afondando nas carencias do hospital, Suárez exemplificou cunha cita de alergoloxía pola que el mesmo leva esperando máis de un ano, sendo alergoloxía unha desas áreas nas que se supón que non hai problemas, indicou.
Para o BNG, esta situación non só repercute negativamente na atención aos e ás doentes, senón tamén na sobrecarga do persoal médico existente, que debe asumir funcións adicionais sen os recursos axeitados. Para o deputado da comarca, este incumprimento é unha mostra evidente das "profundas eivas na planificación sanitaria do Goberno galego", especialmente nos territorios máis afectados pola perda demográfica.
A falta de servizos sanitarios axeitados en comarcas envellecidas como o sur de Lugo é, para o BNG un problema que require dunha resposta urxente. “A Xunta está a incumprir co Hospital de Monforte e co conxunto da súa área de referencia. O caso do HADO é só un exemplo máis dunha situación que se está volvendo insostible”, rematou.