O BNG denuncia a negativa do PP a protexer a capela do Cotillón ante súa posible adquisición por un particular

O BNG denuncia o voto en contra do Partido Popular á protección da capela do Cotillón no prazo de un mes coa fin de evitar que sexa vendida a particulares. O deputado do BNG por Lugo Sur, Iago Suárez, lamenta a postura do Goberno galego tras coñecerse a existencia dun anuncio publicado en redes na que unha inmobiliaria de Vigo animaba con este argumento a mercala.
En dito anuncio, incide o deputado nacionalista, pódese ler a frase “lo que estás apunto de ver es historia pura, esta casa esconde algo que no debería estar a la venta, pero lo está: un eremitorio paleocristiano”. Suárez advirte que isto amosa que “unha das maiores xoias do noso patrimonio e da nosa historia colectiva como galegas e galegos, pódese comprar” e urxe á Xunta que tome medidas ao respecto.
Na súa intervención na Comisión de Cultura, Suárez defendeu as cualidades desta cova artificial escavada nunha rocha das ribeiras do río Cabe ao seu paso por Pantón, destacando que se trata dunha cova rupestre que data de, alomenos, o séculos V ou VII. A cova ten planta de cruz latina e os seus vestixios visibles apuntan unha orixe paleocristiá e, con certeza, da alta Idade Media, coincidente con primeiros asentamentos monásticos na Ribera Sacra.
Segundo indicou, a cova descubriuse publicamente no 1997 e era usada como adega , despois de que o propietario construíse unha casa sobre a propia cova. “De se confirmaren as hipóteses das persoas expertas, poderiamos estar ante a primeira pegada do cristianismo rexistrada na Peninsula Ibérica”, afirmou, advertindo que nos encontramos ante “unha xoia, das máis destacadas e das moitas marabillas que hai na Ribeira Sacra”.
Nete sentido, lembrou que o seu grupo xa levou ao Parlamento outras propostas de defensa do Patrimonio da Ribeira Sacra, con casos como A casa de torno do Saviñao, A capela de Guadalupe en San Vitorio de Ribas de Miño, A Torre de arcos e o Pazo de Suatorre en Chantada, O pazo de Vilar de Taboada ou o túnel Romano de Montefurado en Quiroga, entre outros.
Porén, recrimiou Suárez aos deputados populares, “todas e cada unha das veces co voto negativo do PP” e asegurou que se o PP levase ao Parlamento esas mesmas propostas “contarían co noso voto afirmativo”.
A iniciativa do BNG, que foi rexeitada polos votos en contra do PP, reclamaba incoar no prazo de un mes a declaración da Capela do Cotillón como Ben de Interese Cultural, tomar as medidas necesarias no ámbito competencial da Xunta de Galiza para impedir a súa venda e que sexa, por tanto, propiedade privada e, por último, pór en marcha todas as medidas que sexan necesarias para protexer a capela e pór en valor o espazo no que se localiza.