O BNG de Quiroga celebra o ‘Ano Castelao’ cunha conferencia sobre a figura do histórico galeguista

O Bloque Nacionalista Galego de Quiroga conmemora este xoves, 24 de xullo, o ‘Ano Castelao’ cunha charla divulgativa sobre a figura do autor, debuxante e político de Rianxo, un referente incontestable do galeguismo. A cita será ás 19:30 horas no Salón de Actos da Casa da Cultura da vila e contará coa intervención do historiador Xosé Estévez, coñecido polos seus estudos arredor do movemento nacionalista e a figura de Castelao.
A sesión estruturarse en tres partes diferenciadas. Nun primeiro bloque, Estévez ofrecerá unha síntese biográfica do protagonista. A continuación, centrará a súa análise nas relacións do intelectual cos pobos irmáns, especialmente cos vascos, a través da súa participación no histórico acordo Galeuzca. Por último, abordará a dimensión internacional de Castelao como galego “quimicamente puro”, difundindo a súa obra plástica e literaria máis alá das fronteiras de Galicia.
Dende o BNG local sinalan que esta actividade “forma parte da aposta do Bloque por promover a cultura e a memoria en datas significativas como a véspera do Día da Patria”. Animan á veciñanza de Quiroga a sumarse ao acto “para descubrir ou redescubrir unha das figuras máis icónicas do nacionalismo galego”.
A xornada culminará cunha cea nacionalista no Restaurante Terriña Salvaxe, prevista para as 21:30 horas, onde militantes e simpatizantes do BNG celebrarán a véspera do Día da Patria Galega nun ambiente de confraternidade.
A actividade está organizada polo BNG de Quiroga coa colaboración da agrupación comarcal BNG Lugo Sur.