O BNG de Pantón demanda unha praza de estacionamento para persoas con mobilidade reducida no CEIP Monte Baliño

RibeiraSacraXa
Piden ao Concello a que dea “exemplo de bo trato” ante a petición da nai dun menor con problemas de mobilidade
aparcadoiro-mobilidade-reducida
22 May 2025

“Favorecer a integración é innegociable sempre, pero é imperdoable coas cifras que temos no concello de Pantón”, manifestan dende o BNG tras a negativa do alcalde a habilitar unha praza de estacionamento no CEIP Monte Baliño.

“O pasado luns”, explican, “a nai dun menor con problemas de mobilidade acudía de novo, pedir ao alcalde de Pantón unha praza de estacionamento, xa que decotío danse situacións complexas que se evitarían cun estacionamento axeitado”. Ante a visita e petición desta nai, o rexedor, sinalan os nacionalistas, replicou que “xa se vos puxo un columpio e non estades nin empadroados”, facendo referencia a unha randeeira que xa o BNG de Pantón reclamara no Parlamento galego hai máis de dous anos, e “infrinxindo a lei de Protección de datos, porque a data actual, o noso rexedor non pode ter ese dato xa que non é funcionario para poder obtelo e, ademais, non podería en ningún caso divulgalo”, di a portavoz do BNG na Corporación, Rosa-Ana Prieto Florines.

Desde o BNG restan importancia á discusión, e emprazan ao goberno municipal a solucionar a situación á maior brevidade posible, e fan público que no día de onte, martes 20 de maio, rexistraron unha petición dirixida ao alcalde, para que habilite a praza de aparcamento que esta nai precisa. “Convidamos ao alcalde ao bo trato, lamentamos o mal que se puido ter sentido a mai, e lembramos que cumprir a lei non é unha escolla, aínda máis cando se actúa como representante público”

⚙ Configurar cookies
0.10525584220886