O BNG de Monforte proporá no pleno a creación de espazos seguros e atención integral para o colectivo LGTBIAQ+

RibeiraSacraXa
A iniciativa recolle a implantación de puntos arcoíris nas festas locais a elaboración dun protocolo de atención integral a vítimas de lgtbifobia desde os Servizos Sociais, así como formación específica para o persoal municipal
Imaxe da bandeira do Orgullo LGTBI+
18 Jul 2025

O grupo municipal do BNG vén de rexistrar unha moción que se debaterá no próximo pleno do Concello, previsto para o 28 de xullo, na que propón poñer en marcha espazos seguros, puntos arco da vella e medidas de atención integral para o colectivo LGTBIAQ+ desde o ámbito municipal.

A iniciativa recolle a implantación de puntos arcoíris nas festas locais como complemento aos puntos lila, a elaboración dun protocolo de atención integral a vítimas de lgtbifobia desde os Servizos Sociais, así como formación específica para o persoal municipal e da Policía Local. Tamén se contempla o impulso de campañas de sensibilización e visibilidade.

Desde o BNG sinalan que a moción foi elaborada co asesoramento de persoas do propio colectivo, que trasladaron as súas experiencias e demandas. “Que consideramos xustas e de vital importancia nos tempos que estamos a vivir”, indican.

O concelleiro do BNG, Manuel Luaces, afirma que “os discursos de odio están a medrar e non podemos mirar cara outro lado. Dende as institucións temos a responsabilidade de actuar con valentía e garantir que Monforte sexa unha cidade segura, diversa e respectuosa coa liberdade de todas as persoas”.
A moción recolle tamén a solicitude de acollerse ás liñas de financiamento dispoñibles por parte da Xunta de Galicia e do Fondo Social Europeo, como as previstas na Orde do 3 de xaneiro de 2025, para o desenvolvemento destas políticas desde o ámbito local.

⚙ Configurar cookies
0.13852190971375