O BNG de Monforte presentará unha moción para regular a comunicación institucional

O grupo municipal do BNG de Monforte de Lemos presentará no vindeiro pleno unha moción para o seu debate no pleno da corporación municipal, na que propón a creación dunha ordenanza que regule a comunicación institucional do Concello. O obxectivo desta iniciativa, explican, é “garantir a transparencia, a imparcialidade e a equidade no acceso aos medios e espazos municipais por parte de todas as formacións políticas con representación na corporación”.
A comunicación institucional, sinalan, “é unha ferramenta fundamental para informar á cidadanía sobre a xestión municipal e promover a participación veciñal”. Porén, desde o BNG consideran que “na actualidade non existen mecanismos normativos que eviten un uso partidista dos recursos municipais, nin que garantan a igualdade de condicións entre todos os grupos políticos”.
A moción presentada polo BNG propón, entre outras medidas, a redacción dunha ordenanza específica sobre comunicación institucional, a creación dun Espazo de Comunicación na Casa do Concello, a regulación do uso de espazos públicos para actividades de comunicación, a creación dunha Comisión de Seguimento e Control e a redacción dun Código Ético de Comunicación.
Dende o BNG critican que “tendo a importancia que teñen as redes sociais na comunicación pública, o PSOE de Monforte careza de perfís abertos en ningunha rede social”, e cuestionan se se están a usar “os medios institucionais do Concello de Monforte como canle de comunicación”, algo que, din “non se pode permitir”.
Desde o BNG consideran imprescindible diferenciar entre comunicación institucional e comunicación de partido, “xa que os recursos municipais deben estar ao servizo de toda a cidadanía e non dun goberno ou unha formación política en particular”. “É fundamental que se establezan normas claras para evitar a instrumentalización partidista da comunicación do Concello e garantir que todos os grupos políticos dispoñan das mesmas condicións para achegar a súa mensaxe á cidadanía”, concluíu Luaces.