O BNG de Monforte pide incluír ás persoas con discapacidade na OPE do Concello

RibeiraSacraXa
"Non permitir que este colectivo acceda a postos públicos, é unha vulneración dos seus dereitos”, aseguran os nacionalistas
casa-concello-monforte
Concello de Monforte
30 Jan 2025

Desde o BNG de Monforte apoian a postura da CIG en defensa dos dereitos das persoas con discapacidade, “en liña coa nosa moción para que a praza de conserxe da Pinguela fora cuberta por unhapersoa deste colectivo, cumprindo así a normativa vixente”, explican dende a formación nacionalista.

Na mesa xeral de negociación do 29 de xaneiro, explican, confirmouse “que o Concello de Monforte exclúe ás persoas con discapacidade da súa Oferta de Emprego Público (OEP) para 2025, a pesar de que o artigo 59 do EBEP obriga a reservarlles un mínimo do 7 % das prazas”, sinalan. Ademais, lembran que nos últimos catro anos, de 30 prazas ofertadas, ningunha foi destinada a este colectivo, “vulnerando os seus dereitos e afondando na desigualdade”.

A CIG solicitou ao Concello que corrixira esta situación, pero segundo explican dende o BNG, a propostafoi ignorada, o que levou ao sindicato a votar en contra da OEP 2025. “Pola nosa parte, desde o BNG Monforte esiximos que o Concello cumpra coa legalidade e garanta un acceso igualitario ao emprego público”.

“Non permitir que este colectivo acceda a postos públicos é unha vulneración dos seus dereitos e unha mostra de falta de vontade política para que a administración municipal sexa máis xusta e igualitaria”, afirma Manuel Luaces, responsable local do BNG en Monforte.

0.16837310791016