O autobús do teatro volverá a Pantón no mes de abril

O vindeiro 2 de abril, a veciñanza de Pantón volverá a subirse ao autobús do teatro, dentro do programa de mobilidade do Centro Dramático Galego, que traslada autobuses aos diferentes municipios galegos para achegar aos seus veciños ás representacións teatrais que se desenvolven no Salón Teatro de Santiago.
Nesta ocasión, as persoas participantes viaxarán a Santiago de Compostela para asistir á representación ‘A burra, a mesa e o pau’, para o que haberá que inscribirse antes do 31 de marzo a través dos teléfonos 982 456 377 ou 982 456 670.
‘A burra, a mesa e o pau’ é a primeira produción propia da tempada 2024-2025 do Centro Dramático Galego. Con dirección e dramaturxia de Lorena Conde, o elenco está formado por 15 intérpretes: Xúlio Abonjo, Maika Aguado, Beatriz Barcia, Xosé Manuel Esperante, Andrés Giráldez, Alixa Ladson, Roberto Leal, Mario López, Pablo Loureiro, Carla Mojón, Grial Montes, Paloma Otero, Paulo Serantes, Nelu Vermouth e Arantza Villar, quen darán vida sobre as táboas a esta nova proposta que, en palabras da súa directora, preséntase como “o conto de fadas dunha familia obreira galega naqueles tempos nos que era máis doado crerlles os contos ás avoas ca as promesas aos patróns”.
Lorena Conde está acompañada, ademais, por María Torres Piñeiro, Carmen Casal, Montse Piñeiro e José Faro nos deseños da escenografía, iluminación, vestiario e videocreación; Amparo Martínez na coreografía; Esther Quintás na perruquería e caracterización. A música está asinada por Cibrán Seixo e Inés Salvado Gontad, quen desenvolve tamén a asistencia de dirección.
Segundo a súa directora, o proxecto de ‘A burra, a mesa e o pau’ parte da premisa de como para as persoas que viven na corda frouxa, nos límites da pobreza, “o azar, a casualidade, os eventos máxicos resultan unha vía de escape altamente atractiva para poder evadirse das dificultades reais”.
Neste sentido, o espectáculo traza unha liña pasando por tres puntos: “unha vida de esforzos, unha esperanza inxenua e invencible en solucións máxicas e a loita obreira”.