O autobús do teatro pasará por Chantada o 9 de outubro

RibeiraSacraXa
As persoas participantes poderán viaxar a Santiago para ver a función 'A Serie Cløpen' do Centro Dramático Galego
a-serie-clopen
30 Sep 2025

O programa de mobilidade do Centro Dramático Galego (CDG) volverá a Chantada este outono cunha nova oportunidade para achegarse ao teatro. O mércores 9 de outubro o autobús do teatro permitirá ás persoas interesadas desprazarse ata Santiago de Compostela para asistir á función A Serie Cløpen, que terá lugar no Salón Teatro ás 18:00 horas.

Trátase da primeira produción propia do CDG nesta tempada, unha proposta multidisciplinar que combina circo, danza, clown, acrobacias e humor, cunha historia que reflexiona sobre os retos da mocidade no mundo actual. A dirección corre a cargo de Pablo Reboleiro, con dramaturxia do propio Reboleiro e de Clara Gayo, e no elenco participan Marián Bañobre, Luz García, Johanna Hesse, Raquel Oitavén, Natalia Pajarito, Inés Santos e Guillermo Solo.

O autobús, organizado en colaboración co Concello de Chantada, sairá ás 15:10 horas da Praza de Galicia. O regreso está previsto para as 20:15 horas, unha vez finalizada a función. O prezo da entrada é de 5 euros e as prazas son limitadas. As persoas interesadas deberán inscribirse antes do 7 de outubro na Casa da Cultura ou chamando ao teléfono 982 44 17 52.

⚙ Configurar cookies
0.084932804107666