O alumnado do CEIP Monforte coñeceu de preto a realidade do Concello da man do alcalde

Un grupo de estudantes de 5º de Educación Primaria do CEIP Monforte, coñecido como Colexio Novo, realizou este mércores unha visita didáctica á Casa do Concello, acompañados polo alcalde, José Tomé.
Durante o percorrido, os escolares tiveron a oportunidade de coñecer distintas dependencias municipais, incluído o Salón de Plenos, onde foron recibidos polo rexedor. Alí explicoulles o funcionamento do Concello e o seu papel como administración máis próxima á cidadanía, ademais de detallar o labor que desenvolven os distintos departamentos e o persoal funcionario.
O alcalde tamén respondeu ás preguntas formuladas polo alumnado, nun encontro no que se abordaron cuestións relacionadas co funcionamento da administración local e a actividade municipal. Os estudantes puideron coñecer de primeira man algúns dos proxectos nos que está a traballar o equipo de goberno e visitaron tamén as instalacións da Alcaldía, incluído o despacho do rexedor.
A actividade completouse cunha visita ás dependencias da Policía Local, onde os axentes lles amosaron as instalacións e os vehículos policiais, achegando así ao alumnado ao funcionamento dos servizos de seguridade do municipio.