O alumnado de Primaria da Pobra do Brollón foi recibido na Casa do Concello

O alumnado de Primaria do colexio da Pobra do Brollón visitou esta semana a Casa do Concello para coñecer de primeira man o funcionamento da administración local. Durante a xornada, a rapazada percorreu as oficinas administrativas e accedeu tamén ao Salón de Plenos, onde se lles explicou o labor que se desenvolve neste espazo.
O alcalde, Xosé Lois, e a concelleira Marián Martínez foron os encargados de ofrecerlles as explicacións. O alumnado aproveitou a visita para formular preguntas e trasladar as súas inquedanzas sobre distintos asuntos de actualidade no municipio, como a situación da pediatría no Centro de Saúde, a Casa da Xuventude, as obras na pista polideportiva ou o estado do patio do colexio.