O actor e humorista quirogués Alberte Montes leva o seu espectáculo ‘Patrón’ a Monforte e Taboada
O quirogués Alberte Montes, coñecido no mundo do cinema polo papel de Padín en Fariña ou no panorama televisivo por diferentes papeis en ficcións da TVG e formar parte dos ‘Porronchos’ na serie El Pueblo, chega a Galicia coa súa faceta humorística para levar a escena o seu espectáculo de stand up, ‘Patrón’.
A presentación oficial deste novo show de Alberte tivo lugar no mítico Festival de Teatro ‘FIOT’ a finais de 2022, e dende esa data vai medrando en contidos e experiencias para retratar ao ‘Patrón’ que empeza a levar dentro, ao mesmo tempo que homenaxea a figura do seu pai.
Para rematar 2024, os espectadores terán a posibilidade de velo da man da produtora Hermanager Producións en Monforte, o 27 de decembro ás 20.00 horas na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, e en Taboada o día 29 ás 18.30 horas no Auditorio do Cuartel Vello.
Sinopse
Patrón é un espectáculo moi especial. Unha homenaxe a esa figura icónica da cultura popular galega. Ese cabeza de familia, xefe da cuadrilla, ese pureta que se cre máis e con máis poder do que en realidade ten.
Alberte vaise facendo maior e cre estar entrando nun proceso de “empatronamento”. Tics, manías, xeitos de facer estanlle marcando o camiño. A súa vida cambiou un chisco nos últimos tempos. Vai quedando atrás o Alberte mozo, que saía un martes e non tiña resaca o mércores, que durmía máis cas mantas ou que non tiña que preparar o IVE trimestral. Neste espectáculo, Alberte tamén renderá tributo ó patrón de referencia, seu pai.