Novo curso de manipulación de fitosanitarios en Monforte

RibeiraSacraXa
A terceira edición do curso sobre aplicador e manipulador de fitosanitarios de nivel básico ten previsto organizarse en Monforte de Lemos.
fitosanitario fumigar
18 Ago 2021

A terceira edición do curso sobre aplicador e manipulador de fitosanitarios de nivel básico ten previsto organizarse en Monforte de Lemos. A acción formativa celebraríase na sede do Consello Regulador Ribeira Sacra a partir do vindeiro martes día 24 ata o 31 de agosto en horario de 16 a 21 horas.

O curso está dirixido principalmente a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A acción formativa -que contará cunha duración de 27 horas – procurará que os agricultores consigan unha formación adecuada para realizar tratamentos fitosanitarios nas súas explotacións sen emprego de persoal auxiliar e, á súa vez, en capacitalos para obter o carné de aplicador de nivel básico, necesario para exercer esta actividade a nivel autonómico e estatal.

Así, ao longo da súa programación trataranse os distintos produtos fitosanitarios e os métodos de transporte, almacenamento, manipulación e aplicación, ademais dos riscos derivados do seu uso tanto para o medio ambiente como para as persoas, xunto cos equipamentos e EPIs (Equipos de Protección Individual) axeitados para o seu emprego. Así mesmo, trataranse cuestións como as pragas dos cultivos e as técnicas adecuadas para o seu control.

Todos os interesados poderán anotarse no curso cubrindo a solicitude dispoñible na páxina web da Consellería do Medio Rural. Esta deberá remitirse finalmente ao correo electrónico formacion.agacal@xunta.gal. Tamén poden chamar ao número 881 997 279 para máis información.

A Agacal ten como obxectivo mellorar a produtividade e a xeración de valor engadido no rural a través da organización de cursos coma este, que se enmarcan no plan de formación continua 2021. Deste xeito, búscase potenciar a remuda xeracional para consolidar un modelo produtivo sólido e sustentable do agro galego.

0.18369102478027