Nove representacións teatrais caracterizarán o ámbito cultural de Monforte nos últimos meses do ano

RibeiraSacraXa
O teatro volverá ser protagonista da actividade cultural deseñada pola concellería de Cultura de Monforte para o segundo semestre do ano 2023, tras rematar o programa do Verán Cultural.
ciclo Teatro Monforte
27 sep 2023

O teatro volverá ser protagonista da actividade cultural deseñada pola concellería de Cultura de Monforte para o segundo semestre do ano 2023, tras rematar o programa do Verán Cultural.

Nove representacións de compañías, tanto profesionais como de teatro afeccionado, terán lugar entre os meses de outubro e decembro e estarán dirixidas a público adulto e infantil e familiar.

O alcalde de Monforte destaca que “tras o éxito do programa das Festas Patronais e do Verán Cultural, animamos aos monfortinos e monfortinas a que acudan a desfrutar desta programación de teatro do Concello de Monforte para o segundo semestre deste ano, que dá continuidade ao noso calendario cultural de actividades e que se estende ao longo de todo o ano”.

Rede de Teatros e Auditorios

A participación do Concello da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios permitirá que se acheguen a Monforte diferentes obras para público adulto, como Gloria Nacional, da compañía Teatro do Noroeste, o xoves 5 de outubro; Unha inimiga do pobo, da compañía Talía Teatro, o xoves 26 de outubro; O porco de pé, da compañía Producións Teatrais Excéntricas, o xoves 9 de novembro e Contos Arraianos, da compañía Sarabela Teatro, o xoves 30 de novembro. Todas elas no Auditorio do Edificio Multiusos e ás 20.15 horas.

Pola súa parte, a programación para público infantil e familiar consistirá en The show moscón, de Galitoon,o domingo 3 de decembro ás 18.00 horas no Auditorio do Edificio Multiusos.

Ademais, o Concello de Monforte de Lemos tamén participa noutros dous circuítos teatrais da Área de Cultura da Deputación de Lugo, o Ciclo de Teatro Afeccionado e o Circuíto de Teatro Profesional.

Dentro do Ciclo de Teatro Afeccionado, o sábado 25 de novembro ás 20.00 horas na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro o grupo Argalleiras-Chantada representará A autopista e o sábado 16 de decembro ás 20.00 horas na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro o grupo Viraventos-Monforte representará A cegueira de Cupido.

Dentro do Ciclo de Teatro Profesional, o grupo Ítaca Teatro-Chantada representará o xoves 28 de decembro ás 20.00 horas no Edificio Multiusos a obra Anacos. Finalmente, o Concello programa a obra Inseguridade Social de Teatreiras-Monforte, para o sábado 18 de novembro, ás 20.00 horas na Casa da Cultura.

Cartel Teatro Monforte 2º semestre 2023
0.16360187530518