Nova formación en Quiroga sobre a apicultura
Novo curso sobre o novo regulamento da produción ecolóxica a semana que vén en Quiroga. Así pois, este está centrado na apicultura e está previsto na Casa da Cultura de Quiroga o mércores 29 de setembro.
Así, a xornada de Quiroga está dirixida a todos aqueles interesados en desenvolver a súa traxectoria no sector da apicultura ecolóxica. Nesa liña, estudarase o mercado existente ao respecto e axudarase a comprender as posibilidades de comercialización, así como as novas tendencias e demandas dos consumidores.
A maiores, darase a coñecer o novo regulamento sobre a produción ecolóxica e etiquetado dos produtos ecolóxicos.
Cunha duración total de sete horas, en concreto pola mañá tratarase a produción ecolóxica e a evolución do seu consumo en Galicia, a nova normativa ecolóxica relacionada coa apicultura, a comunicación ambiental e o cálculo de pegada de carbono, así como o mercado da produción apícola ecolóxica. Xa pola tarde, realizarase unha visita práctica.
Cómpre apuntar que estas accións están dirixidas en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.
A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.