Nos orzamentos de Folgoso do Courel priman o gasto social e os investimentos reais

RibeiraSacraXa
Los presupuestos del Ayuntamiento del Courel ascienden a 1.332.235,75 euros para la anualidad del 2022. Prima el gasto social.
folgoso do courel
25 Feb 2022

O Concello de Folgoso do Courel aproba hoxe nun Pleno extraordinario o orzamento xeral para o exercicio 2022 que ascende, no seu estado de ingresos e gastos, á contía total de 1.332.235,75 euros. A alcaldesa, Lola Castro, explica que son unhas contas “realistas” nas que prima o gasto social e os investimento reais.

Desde o Goberno local explican que a diferenza con respecto á contía do ano pasado (1,5 millóns de euros) vén derivada das subvencións que están pedidas á espera da súa confirmación, o que incrementaría o Orzamento. Entre elas, a subvención para os obradoiros de emprego, que se veñen facendo desde o ano 2010, as achegas para actividades culturais e deportivas e de fomento do deporte, así como novos investimentos en redes de sumidoiros, abastecemento de auga, camiños veciñais e reposición de infraestruturas, entre outros.

Entre as obras pendentes destacan a adxudicación da área recreativa de Mogoxe e a concesión á Deputación de Lugo da licenza para a residencia da terceira idade.

INVESTIMENTOS REAIS
A partida de investimentos reais supón unha contía de 277.383 euros. As principais obras previstas son: a humanización da Praza Manuel Fraga, a rexeneración do sistema viario municipal, a pavimentación de estrada de acceso a Vilela, Noceda e Touzón, a pavimentación de camiños municipais, o subministro de auga de Piñeira, a adquisición de bocas e mangueiras de incendios, así como unha axuda para a elaboración definitiva do PXOM.

SUBVENCIÓNS
No capítulo de subvencións nominativas concédense 3.000 euros ao ámbito educativo; 500 euros ao CPI Poeta Uxío Novoneyra para actividades e 2.500 á Asociación de Pais e Nais de Alumnos.

En concorrencia competitiva reciben 2.000 euros as festas parroquiais, 1.100 euros as axudas para a adquisición de libros e material escolar de educación infantil e 1.100 euros para primaria e secundaria do CPI Poeta Uxío Novoneyra. Destínanse 1.500 euros para as axudas de apoio á natalidade e 2.700 para as axudas ao transporte de estudantes.

A contía total do anexo de subvencións sumando as achegas á asociación para a promoción territorial das Montañas do Courel, emerxencia social, GDR Ribeira Sacra Courel, e o Fondo de Compensación Ambiental, entre outras, ascende aos 33.890 euros.

GASTOS CORRENTES EN BENS E SERVIZOS
Neste capítulo está previsto un menor gasto con respecto ao do exercicio anterior, fundamentalmente e como consecuencia da minoración de ingresos a percibir pola entidade en 2022 derivados da liquidación definitiva da participación municipal en tributos do Estado do exercicio 2019; o cal a súa vez trae causa da regularización catastral producida no exercicio 2016.

Así, os ingresos previstos pola participación nos tributos do Estado diminúen de xeito significativo con respecto aos anos anteriores como consecuencia da regularización catastral producida no termo municipal, o que reduce de forma relevante as posibilidades de gasto do Concello.

O Goberno local xa amosou no seu momento a súa desconformidade con esta penalización do Estado que consideran “inxusta”, que radica no incremento da base impoñible do IBI urbana, como consecuencia da regularización catastral producida no exercicio 2016, unha decisión que non lle compete aos concellos, que prexudicou aos veciños e veciñas e tamén aos ingresos que viña percibindo o Concello.

PERSOAL
En canto aos gastos de persoal, están previstos os correspondentes créditos destinados a persoal cun incremento do 2 % en virtude do establecido no artigo 19. Dous da Lei 22/2021, do 28 de decembro, de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2022. Mantéñense as retribucións dos seis peóns do Grupo de Emerxencias Supramunicipal ao terse renovado para o ano 2022 o convenio subvencionado pola Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Lugo e inclúense os créditos necesarios para as retribucións de oito auxiliares de axuda a domicilio a xornada completa e 3 a xornada parcial de cara a prestación do servizo de axuda no fogar.

Igualmente consígnanse os créditos necesarios para a contratación temporal de dous peóns, un técnico para a xestión da biomasa e un animador turístico ao abeiro do novo Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos para este ano 2022.

0.13695907592773