Nogueira de Ramuín acollerá unha xornada orientada á dinamización da Ribeira Sacra

Nogueira de Ramuín será o escenario dunha xornada de dinamización da Ribeira Sacra, unha iniciativa promovida polo Polo do Carballiño e a Asociación Ribeira Sacra Next co obxectivo de impulsar o territorio a través do traballo colaborativo.
A actividade está dirixida a persoas emprendedoras, empresas e integrantes de asociacións empresariais da zona, que poderán participar nun encontro pensado para fomentar a creación de sinerxías e establecer un grupo de traballo dinámico e participativo.
Durante a xornada tamén se dará a coñecer o potencial e os recursos da contorna, favorecendo o intercambio de ideas e a xeración de novas oportunidades relacionadas co desenvolvemento local, o emprego e o emprendemento.
O encontro terá lugar o 15 de abril, entre as 12:00 e as 14:00 horas, no Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, un dos espazos emblemáticos da zona.