Monforte renovará as pérgolas da Praza Ponte Fontecha e Rúa Reboredo para mellorar a súa estética

O Concello de Monforte vén de aprobar a adxudicación do proxecto para substituír as pérgolas da Praza Ponte Fontecha e da Rúa Reboredo, dúas estruturas con máis de 15 anos de antigüidade que presentan un estado de conservación deficiente. O investimento total ascende a máis de 64.000 euros e o prazo previsto de execución é de tres meses.
O acordo tomouse na Xunta de Goberno celebrada o pasado luns, 4 de agosto. O proxecto foi adxudicado á empresa Extraco S.A., por 44.608,43 euros (IVE incluído) no caso da Praza Ponte Fontecha e por 19.572,22 euros (IVE incluído) no da Rúa Reboredo. Segundo o Concello, esta foi a oferta máis vantaxosa entre as presentadas.
As pérgolas actuais, fabricadas en madeira, sufriron un notable deterioro debido á súa exposición prolongada á intemperie. “As actuacións a realizar consistirán na substitución das pérgolas existentes na actualidade, por outras novas, colocadas na mesma ubicación e que terán as mesmas dimensións”, indicou o alcalde.
Na Praza Ponte Fontecha substituiranse cinco pérgolas de planta cadrada con distintas alturas e dimensións (dúas de 4,70 x 4,70 m e tres de 3,30 x 3,30 m), mentres que na Rúa Reboredo renovaranse dúas estruturas tamén cadradas, unha de 4,70 x 4,70 m e outra de 3,30 x 3,30 m.
As novas pérgolas combinarán aceiro inoxidable nos piares e vigas, e madeira nas partes superiores, co obxectivo de integralas mellor no entorno e aumentar a súa durabilidade.
Desde o Concello destacan que esta actuación forma parte do compromiso do goberno local coa mellora das infraestruturas e do mobiliario urbano. Súmase a outros proxectos en marcha como a reforma do Parque da Compañía, cun investimento de máis de 272.000 euros, e a urbanización da zona D, que conta cun orzamento de máis de 421.000 euros.