Monforte renovará a rede semafórica e incorporará dispositivos sonoros para reforzar a seguridade peonil

RibeiraSacraXa
O Concello investirá máis de 38.000 euros na modernización das luminarias e na instalación de sistemas acústicos en pasos de peóns regulados por semáforos
semáforo-Monforte
12 Jan 2026

O alcalde de Monforte anunciou a posta en marcha dunha actuación dirixida a mellorar a seguridade viaria no núcleo urbano mediante a renovación das luminarias da rede semafórica e a incorporación de dispositivos sonoros destinados a facilitar o tránsito dos peóns, especialmente das persoas con discapacidade visual. Estas medidas executaranse a través de dous contratos distintos que, en conxunto, supoñen un investimento de 38.257 euros.

A intervención contempla a substitución completa das luminarias dos semáforos situados en sete cruces do casco urbano, co obxectivo de actualizar os sistemas existentes e garantir unha mellor visibilidade e funcionamento da sinalización luminosa. De maneira paralela, instalaranse un total de 32 dispositivos sonoros en dez cruces que contan con pasos de peóns regulados por semáforos, unha medida orientada a incrementar a seguridade e a autonomía das persoas con problemas de visión.

Segundo se explicou, estes dispositivos acústicos estarán equipados cun reloxo temporizador que permitirá programar os horarios de funcionamento, evitando así que a emisión de son cause molestias ás persoas residentes nas vivendas próximas durante o horario nocturno. Con esta actuación, o Concello pretende avanzar cara a unha cidade máis accesible e segura para todos os peóns.

⚙ Configurar cookies
0.076414108276367