Monforte reabre o prazo de axudas para rehabilitación enerxética no Conxunto Histórico

RibeiraSacraXa
A finalidade destas axudas é financiar obras ou actuacións nas que se obteña unha mellora acreditada da eficiencia enerxética
praza-de-españa-monforte
12 Mar 2026

O Concello de Monforte abre un novo prazo de solicitude para a concesión de axudas dirixidas a actuacións de rehabilitación a nivel de barrio no Conxunto Histórico e Zonas de Respecto do municipio, con especial atención á mellora da eficiencia enerxética.

O prazo anterior, que finalizou o 30 de decembro de 2025, non esgotou o crédito dispoñible, polo que o Goberno local decidiu reabrir a convocatoria para animar aos propietarios a acometer obras nas súas vivendas ou locais comerciais. A medida foi aprobada o luns 9 de marzo na Xunta de Goberno Local, e o prazo permanecerá aberto desde o primeiro día hábil tras a publicación do extracto no Boletín Oficial da Provincia ata o 30 de abril de 2026. O obxectivo desta medida, explica o alcalde, José Tomé Roca, “é facilitar que se execute o maior número posible de actuacións”.

Estas axudas financian obras que permitan unha mellora acreditada da eficiencia enerxética, prestando especial atención á envolvente dos edificios residenciais colectivos e das vivendas unifamiliares integradas no Conxunto Histórico e Zona de Respecto. A contía establécese tendo en conta o aforro enerxético obtido coa obra, ata un máximo de 21.400 euros, ampliable en casos de vulnerabilidade económica.

Desde o consistorio animan aos veciños e veciñas a solicitar estas axudas co obxecto de acometer a rehabilitación das súas vivendas para mellorar o confort térmico nos seus fogares, ao tempo que se reduce o impacto ambiental.

A convocatoria enmárcase no programa de axudas a actuacións de rehabilitación a nivel de barrio do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea a través de Next Generation UE. Os requisitos e o formulario de solicitude poden consultarse na web municipal.

0.11650609970093