Monforte presenta un amplo programa de actividades para conmemorar o 8M

RibeiraSacraXa
Habrá homenaxes, obradoiros, teatro e actividades de sensibilización dirixidas a todos os públicos
Imaxe dunha muller con motivo do 8M
27 Feb 2026

O Concello de Monforte de Lemos presentou a programación conmemorativa do 8M, Día Internacional da Muller, que combina actos reivindicativos, exposicións, obradoiros educativos e actividades dirixidas a toda a familia para promover a igualdade e concienciar sobre a erradicación de estruturas machistas e patriarcais.

O Equipo de Goberno, a través da Concellería de Muller e Igualdade e do Centro de Información á Muller (CIM), deseñou un amplo programa que terá o seu acto central o domingo 8 de marzo na Praza da Compañía, fronte ás Casitas. “Avanzamos na sensibilización e concienciación de toda a sociedade monfortina respecto á necesidade de avanzar na igualdade real”, sinalan desde o Concello.

A xornada comezará ás 13.00 horas coa concentración e lectura do manifesto e a presentación da instalación expositiva “Mulleres con luz propia”, que permanecerá nas farolas da marxe dereita da Rúa Cardeal ata o final do Paseo da Compañía. Entre os asistentes repartiranse materiais de sensibilización coa imaxe representativa da exposición.

A mostra pon en valor a mulleres que destacaron ao longo da historia, pioneiras que desafiaron normas e se converteron en referentes na defensa da igualdade. Inclúe figuras recoñecidas internacionalmente como Marie Curie ou Frida Kahlo, feministas como Clara Campoamor e Simone de Beauvoir, e referentes galegas como Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán ou María Emilia Casas Baamonde. O listado completo tamén inclúe a Mary Wollstonecraft, Isabel Zendal, Mercedes Mariño, Concepción Arenal, María Casares, Hermanas Mirabal, Jane Goodall, Margarita Salas, Virginia Woolf, Almudena Grandes, Maruja Mallo, Teresa Portela e Ana Peleteiro.

O domingo 8, pola tarde, as actividades continuarán en dous espazos distintos. Ás 18.00 horas, nos Mercados da Praza de Abastos, celebrarase o Escape Room pola Igualdade “Estrelas”, a cargo de Simón González Villanueva, da empresa Territorio Comanche. Dirixido a mocidade e familias, a actividade terá unha duración de 100 minutos, con entrada gratuíta e prazas limitadas por orde de inscrición, que pode realizarse na web do Concello ou no CIM (teléfono 982416350, mail cim@concellodemonforte.com
). “Trátase dun xogo práctico e de traballo grupal co obxectivo de que as persoas participantes coñezan mulleres de especial relevancia coa intención de traballar na promoción da igualdade e na eliminación dos estereotipos de xénero”, explican os organizadores.

Ás 18.30 horas, na Casa da Cultura, o espectáculo “Circo na casa”, a cargo de MeRe Clown, abordará estereotipos de xénero e roles de mulleres e homes en relación coas tarefas domésticas, promovendo a corresponsabilidade. Está dirixido ao público infantil e familiar (a partir dos 3 anos) e a entrada é gratuíta.

Como en anos anteriores, o Concello organiza obradoiros educativos para alumnado de Primaria e Secundaria. En Secundaria, traballarase con grupos diferenciados de rapaces e rapazas de 4º da ESO no taller “En construción: Identidades libres de violencia de xénero”, dirixido pola psicóloga sanitaria Paula Sánchez, coa finalidade de identificar experiencias, presións e estereotipos de cada sexo e reflexionar posteriormente en espazos mixtos de diálogo.

En Primaria, o taller “A fogueira da illa das reflexións”, impartido por Priscila Retamozo Ramos e Cristina Louzán García, abordará estereotipos de xénero e roles sociais presentes na vida cotiá e nos medios, desenvolvendo unha mirada crítica sobre os modelos de relación transmitidos por contidos culturais e dixitais. Realizarase nos CPR PP Escolapios, CPR Torre de Lemos, CPR Ferroviario, CEE Infanta Elena, CEIP Monforte e CEIP A Gándara os días 9 e 10 de marzo. Esta acción conta con financiamento da Secretaría de Estado de Igualdade e para a Erradicación da Violencia contra as Mulleres.

O xoves 12 de marzo, ás 20.15 horas, o Edificio Multiusos acollerá a obra “A historia vaxenial”, presentada pola Compañía Artyc Content, gañadora do VI Premio Luísa Villalta 2024 a Proxectos pola Igualdade. A peza, baseada na serie web Historias Vageniales, aborda a representación histórica dos órganos sexuais femininos e como esta estivo ligada á desconsideración da muller, combinando comedia, conferencia pedagóxica e monólogo con perspectiva feminista.

Desde o luns 2 de marzo, o Bus Urbano levará un vinilo animando a asistir á concentración do 8M e promovendo a igualdade real de dereitos e oportunidades, así como a eliminación da violencia de xénero. Ademais, a Torre da Homenaxe iluminarase en cor violeta durante a tarde-noite do 8 de marzo para dar visibilidade á loita pola igualdade e recoñecer os dereitos das mulleres.

0.1342978477478